Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proxecto con "escaso orzamento"

A lei de desenvolvemento rural ameaza competencias exclusivas da Xunta

Ambigüidade, falta de concreción ou invasión de competencias das comunidades autónomas, son algunhas das críticas á iniciativa do goberno español. Ao respecto, o BNG presenta no Congreso unha emenda á totalidade do proxecto.

Redacción - 15:00 02/07/2007

"A ambigüidade na redacción desta norma permite que se produzan inxerencias do Estado nas competencias de xestión e execución das políticas sectoriais agrarias e de desenvolvemento rural", analizara o pasado mes de abril o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Súarez Canal. Desde a consellaría consideran que se ben a Xunta comparte a filosofía coa que se impulsou desde o goberno español a "Lei para o Desenvolvemento Sostíbel do Medio Rural", a concreción da norma é decepcionante. Xa que logo, cualificase como deficitario o orzamento e advírtese de que mesmo se ameaza con meterlle man aos fondos europeos manexados directamente por Galiza.

Emenda á totalidade do BNG
"Pode supor a subordinación das políticas das comunidades autónomas para o medio rural ao programa do goberno español", explicou este luns Olaia Fernández Davila, deputada do BNG no Congreso.

Segundo a súa análise, no canto de recoller directrices marco, o proxecto do executivo español ameaza con condicionar a definición concreta de medidas que lle corresponde ao goberno galego e podería obrigar a someter as previsións de Medio Rural ás esixencias "contidas nese programa". Davila reprobou tamén que durante o proceso de elaboración do anteproxecto se prescindiu da colaboración das autonomías, limitada á solicitude dun informe non vinculante a través do Consello Sectorial para o Medio Rural.

Proxecto feito tomando como referencia "outras partes do Estado"
A deputada nacionalista censurou que o documento elaborado polo Ministerio de Agricultura erra desde a propia definición de "medio rural", cunha proposta "totalmente inadecuada para a realidade galega". "É unha definición realizada a partir dunha organización territorial propia doutras partes do Estado e non ten en conta o feito da dispersión poboacional galega", reprochou Fernández Davila.

"Dese xeito prodúcese o paradoxo de que Galiza, un dos territorios máis rurais do Estado, tería incluídos na lei só unha parte dos seus concellos e nunha posición moi inferior á media estatal". Indica a deputada galega que só se incluirían no medio rural 229 dos 315 concellos, o 72,7%, que representan o 82,4% do territorio e o 28% da poboación, "cando a nivel estatal estas porcentaxes son maiores".

PP, CiU e PNV tamén presentan emendas á totalidade
Desde o Partido Popular consideran que o proxecto se está tramitando moi apresuradamente e critican que se estabelecese a fin do prazo de presentación de emendas mesmo antes de que rematasen as comparecencias que teñen lugar na Comisión de Agricultura. Ao fío, propoñen afondar no debate parlamentario sobre a iniciativa para que poida saír adiante co maior consenso posíbel.

Por outro lado, CiU e PNV coinciden na posición do BNG e advirten dos conflitos competenciais posíbeis. Critican que non só se desenvolven proxectos que invaden competencias das comunidades autónomas, senón que se esquece a proposta de sistemas de coordinación que o eviten, por exemplo fixando con claridade o límite das responsabilidades de cada administración. Desde o PNV critican a concepción centralista coa que din que nace este proxecto.


4.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: