Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Gabriel Rei Doval

"Non é un 'informe dramático', senón un libro para a reflexión"

A lingua galega na cidade, editado por Xerais, foi presentado este xoves no salón de actos do Consello da Cultura Galega.

Redacción - 15:00 05/07/2007

Acompañaron a Gabriel Rei Doval, o editor de Xerais, Manuel Bragado, e Henrique Monteagudo, secretario do CCG. O libro analiza a situación sociolingüística das cidades galegas no seu conxunto, e céntrase nos principais indicadores de vitalidade do idioma galego: coñecemento, lingua inicial, lingua habitual, usos na familia, escolares e laborais. Mais tamén afronta unha análise do cambio lingüístico, tanto intraxeracional como interxeracional, dende unha perspectiva novidosa. Ademais da visión do conxunto urbano, presenta unha análise comparada da situación do idioma nas sete cidades galegas.

Como explicou o autor, en canto á competencia lingüística, "o galego é unha lingua románica moi próxima ao castelán, e non supón dificultade ningunha entendelo, mesmo para castelán falantes que veñen de fóra: o 90% dos monolingües en castelán aseguran non ter problema para entenderen o galego. Isto bota abaixo certos discursos conflitivistas... O problema é actitudinal, o 75% da poboación urbana sabe falar galego".

Peor é o caso das competencias escrita e lectora: mesmo en casos en que se conta cunha escolarización en galego mínima de cinco anos, só o 51% das persoas escribe e o 67% le correctamente. "Hai algo que non se estivo facendo ben nas últimas décadas. O decreto do ensino pode ser unha ferramenta moi importante. Agora mesmo estamos en posición de acometer novos retos".

O galego no ensino, alicerce da autonomía

En canto, precisamente, a posicións contrarias ao decreto, Rei Doval opina que certos medios están a darlle publicidade a "un feito residual: son un sector moi minoritario cuantitativamente, pero a nivel socioeconómico ten unha presenza cualitativa máis importante".

A este respecto, o secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, salientou "se realmente o PP vai manter esta postura en contra do Plan Xeral de Normalización Lingüística que el mesmo lanzou e aprobou, avecíñanse tempos moi distintos. É unha actitude incomprensíbel en termos lóxicos, aínda que a poidamos entender en termos políticos. De continuaren así, racharían un dos piares básicos do consenso, un alicerce fundacional da autonomía, presente xa no Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística".

A transmisión xeracional e os procesos de regaleguización


Por outra banda, Rei Doval falou sobre a importancia da familia como garantía da transmisión xeracional: "o 70% das persoas que viven na cidade adquiriron o galego no ámbito da familia. Os referentes emotivos son moi importantes. O proceso de desgaleguización non remata no ámbito da parella, senón cos fillos: é entón cando se asentan e se estabilizan os usos lingüísticos.

Mencionou tamén os procesos contrarios: os de regaleguización, motivados pola necesidade de adaptación a certos contextos ou por unha conciencia lingüística. "Aínda que o medio poida parecer castelanizante, ás veces non é así: os procesos de normalización e dinamización lingüística, nun ambiente de consenso social, e xunto coa consciencia da realidade e a necesidade de uso favorecen a reactivación de falantes urbanos".

Concluíu afirmando que este seu traballo "é un libro de alerta, de diagnose e para a reflexión. Non un "informe dramático" como o realizado no 1973, senón unha chamada á reflexión dende unha investigación serena".


3,9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: