Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Gabriel Rei Doval

"Cómpre traballar de maneira racional o galego no ensino"

Antes de presentar A lingua galega na cidade, Gabriel Rei Doval falou con Vieiros sobre a metodoloxía que seguiu e as súas conclusións.

Lara Rozados - 09:30 07/07/2007

Vieiros: Como naceu a idea do proxecto, e por que se pensou na especificidade do galego urbano?

Gabriel Rei Doval: O traballo enlaza co Mapa Sociolingüístico de Galicia, realizado entre o 92 e o 97. Eu traballei naquel proxecto e tiña xa un interese polo relacionado co coñecemento do galego, a lingua materna e os hábitos de uso. O mapa realmente foi moi infrautilizado, e interesábame particularmente o galego nas áreas urbanas: é un medio especial pola súa variedade, moi heteroxéneo, fronte ao máis homoxéneo rural.

Cando se fixera o Mapa deseñáranse mostras representativas das sete cidades. Os datos que había eran abondos, e hai unha realidade que cómpre analizar con máis detalle. Ademais, parece que todos facemos estudos encamiñados a un discurso lingüístico determinado, ou moi positivo ou moi negativo, e do que se trata é de analizar os datos para que, quen corresponda, leve adiante as políticas de planificación lingüística necesarias.

V.: Cal foi a metodoloxía empregada? Complementáronse as estatísticas con técnicas cualitativas?

G.R.D.: Son o mesmo tipo de datos ca no Mapa, aínda que entraron cuestións que nel quedaran solapadas. había un material inxente... Este traballo é unha reformulación da miña tese de doutoramento. Tratábase de facer un traballo doutoral, non enciclopédico, así que deixamos as actitudes lingüísticas á marxe, porque doutro xeito excedería con moito as 500 páxinas. Así que nos baseamos nos mesmos datos que había no mapa: lingua materna, lingua habitual, competencias lingüísticas e hábitos de uso.

V.: E cales foron os resultados máis salientábeis? En canto a competencia lingüística, por exemplo...


G.R.D.: Os datos máis salientábeis que se obteñen é que existe unha comprensión lingüística plena, as competencias pasivas son totais en todas as cidades, mesmo nas máis castelanizadas (A Coruña, Ferrol e Vigo). Polo tanto, a xustificación que se emprega moitas veces para non empregar o galego, de dificultade de comprensión por parte dos castelán falantes, non está fundamentada. Non hai problema para entender o galego, tampouco no medio urbano.

Cómpre sinalar que as competencias escritas teñen que ver directamente coa escolarización de galego (que non en galego). Até agora non tivo pleno éxito, sabemos que o ensino tal e como está non garante a lectoescrita en galego, pero si que hai unha evolución: as competencias melloran no momento en que o galego entra na escola. Un dato interesante no medio da información (e desinformación) que circula estes días. Cómpre traballar máis intensamente, con máis sentidiño, de maneira racional no galego no ensino.

V.: En canto á perda de transmisión xeracional, que xa se acusaba no Mapa...

Segue a producirse, pérdense falantes nos grupos máis novos. Pero hai un caso paradigmático: Compostela. Os grupos máis novos cobran unha maior conciencia lingüística. Dáse ao mesmo tempo un proceso de desgaleguización, pero tamén outro de regaleguización, influenciado polos ambientes positivos e por políticas favorábeis nalgunhas cidades.

É moi sintomático, dámonos de conta de que existen unha serie de valores simbólicos. Noutras cidades hai tamén un mantemento da lingua, e mesmo un uso consciente. Poderíase dicir, grosso modo, que as cidades máis desgaleguizadas son A Coruña, Ferrol e Vigo. Pontevedra é un caso estraño, hai como dous mundos paralelos: o urbano, fondamente desgaleguizado, e o periurbano. E logo están Lugo e Ourense, non tan galeguizadas como Compostela, pero máis cás cidades da costa. Hai que ter en conta que á hora de facermos o estudo non abordamos as áreas metropolitanas, só os termos municipais.

Outra cousa que había que ter en conta é se falamos de persoas do rural que se incorporaron á cidade ou persoas urbanas dende o principio. E si, a desgaleguización máis forte ten que ver co cambio de hábitat. Pero outra das cuestións que rebato no libro é que vivir na cidade sexa un sinónimo de desgaleguización: hai unha serie de factores sociais e axentes que axudan á desgaleguización, pero nas sete cidades hai realidades moi diferentes, diversos grupos sociais e interaccións sociais distintas, igual que tamén se aplican unhas ou outras políticas de planificación lingüística.

V.: Analizouse se varían os hábitos en canto ao contexto de uso?


G.R.D.: Aínda que hai contextos en que se evidencia a desgaleguización, como o ámbito do traballo ou da escola, o que cómpre recordar é que a familia é un ámbito moi importante. Cando estudamos os procesos de desgaleguización, temos certa teima en darlle prioridade á escola, á competencia escrita... Pero non se pode esquecer as familias. Ademais, non todas as cidades seguen a mesma tendencia: dende comezos do século XX para aquí, os procesos de industrialización entraron en diferentes momentos, e polo tanto, os procesos de substitución non se produciron ao tempo en todas partes.

O galego está vinculado a unha serie de factores emocionais: relacións familiares, dimensión emotiva... Se renunciamos a esta compoñente, incorreremos nun xeito pouco efectivo de reivindicarmos o seu uso: cando alguén quere ser afectivo, usa o galego, e cando se quere distanciar do interlocutor, emprega o castelán. A planificación sociolingüística ten que amosar maior atención a estas implicacións.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: