Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
Terminou o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza

A meirande festa do mar demostra a forza da cultura marítima no país

Pechouse a festa galega do mar cuns fogos artificiais cos que sorprendeu a organización e con 122 embarcacións navegando na ría de Ferrol.

Redacción - 14:35 09/07/2007
Presentouse o 4º número de Ardentía

Presentouse o 4º número de Ardentía

Na tarde do domingo clausurábase o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza que durante catro días reuniu centos de embarcacións galegas antigas no peirao de Curuxeiras, en Ferrol.

Todas as asociacións e institucións que colaboraron ou participaron no encontro recibiron o seu agasallo, mentres chamaban por eles os organizadores -Bernardo Máiz, polo Clube do Mar de Ferrol e Fernando Piñeiro, pola FGCMF-, relatando, ao tempo, as actividades de rehabilitación e promoción que desenvolven cada un deles.

"Ferrol non se pode entender sen o mar"
Dixo Pablo Villamar, representante da Deputación d'A Coruña, ao salientar o valor destes encontros para difundir o patrimonio marítimo e fluvial galego.

Pola tarde houbo animación de rúa, monicreques, unha última saída dos barcos, o teatro de Viravolta e Pi con Pe. E un peche de festa coa agrupación galega máis vella: o Real Coro Toxos e Flores, que coas súas voces despediu os mariñeiros e participantes até a vindeira edición que será en 2009, noutro peirao galego. O peche xenial foron os fogos de artificio que, de sorpresa, tiña preparado a organización.

A cuarta Ardentía

Na última xornada do encontro ferrolán tamén se presentou o último número de Ardentía, a revista a publicación oficial da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, mediante a que se conmemoran os encontros de embarcacións e se rescatan do esquecemento xentes, oficios ou o patrimonio material e inmaterial que doutro xeito desaparecería para sempre. Na súa intervención, o director da revista, Luis rei, destacou que Ardentía vai "ir mellorando para converterse nun referente na temática do mar".

Neste cuarto número a muller do mar é a protagonista.

Brest en Ferrol
Na mañá do domingo, a goleta francesa La Recouvrance, cuxa chegada vos relatabamos na quinta feira, reuniu a representantes do concello bretón de Brest e da FGCMF para, todos xuntos, asistir ao acto de nomeamento de Galiza como convidada de honra na gran festa do mar que se celebra nesta cidade o ano que vén.

A goleta estaba ancorada a carón d'O Barco da Memoria, o Hidria II, onde se celebraron as Xornadas Técnicas deste encontro. Aló, no espigón da antiga frigorífica, onde estaban tamén os pavillóns dos museos, xuntouse ben xente para ollar os agasallos que traían os bretóns, que este año viñan de convidados observadores, para se enterasen do que se está a mover en Galiza arredor da cultura do mar.

Jean Cozanet, o capitán de La Recouvrance, deu a benvida aos asistentes e convidounos a que "non deixen de acudir a Brest no 2008". Ademais explicou como na goleta viaxan varios representantes do concello francés dispostos a daren información sobre a súa cidade, á que tantas similitudes lle atopou con Ferrol. Cozanet, pediulles aos presentes que o atendesen, que despois xa poderían "encher os estómagos coa ledicia de reunirnos novamente en Brest no 2008".

Segundo contan dende a organización, enriba da goleta había unha improvisada torre de babel, onde, por un lado os franceses tentaban darlle ao castelán, e os galegos entender o francés. Finalmente, o presidente do Clube do Mar, Bernardo Máiz Vázquez, fixo de intérprete improvisado e dirixiuse aos galos para "agradecer a súa presenza aquí, en Ferrol e para desexar que sexamos capaces de levar a Brest unha representación tan boa como a que vós tivestes aquí".

"Para nós e para o patrimonio galego ten moitísima importancia ser nomeados convidados de honra no encontro de Brest"
Dixo Fernando Piñeiro, presidente da FGCMF, quen se sentiu animado, con feitos coma este, para "continuar na labor de poñer en valor o noso pasado mariñeiro, a nosa relación sempre presente co mar".

Jakëz Kerhons, en nome da cidade de Brest, deu as grazas "a todos os que traballan no eido do mar, dende os carpinteiros de ribeira" - momento no que se produciu unha ovación do público- "pasando polos restauradores, mariñeiros, navegantes, por todos os que teñen algo que dicirlle ao mar". A todos eles convidounos a participar no encontro de Brest e indicou mesmo que a dársena que vai ocupar a representación galega será a terceira do porto bretón, e dende ela os galegos, poderán navegar na compaña de até 1600 embarcacións procedentes de toda Europa, dende os países celtas, até os nórdicos.

Xogos, luces, obradoiros e navegación, son máis que suficientes para que a organización calcule que, durante a semana que durará o evento, Brest reciba un millón de visitantes. Segundo din dende a FGCMF, a estimación pode ser máis que correcta, tendo en conta a longa tradición deste encontro, que se desenvolve bianualmente dende o ano 1992.


3.75/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O venres pola tarde no peirao de Ferrol, xa había moita vida
O venres pola tarde no peirao de Ferrol, xa había moita vida
Na segunda feira as embarcacións xa abandonaran os pantaláns. A resaca da festa.
Na segunda feira as embarcacións xa abandonaran os pantaláns. A resaca da festa.
Un momento das Xornadas Técnicas a bordo do Hidria II. Un lugar para o debate.
Un momento das Xornadas Técnicas a bordo do Hidria II. Un lugar para o debate.
Algúns barcos amarrados no pantalán de Curuxeiras
Algúns barcos amarrados no pantalán de Curuxeiras
A tripulación prepara as velas para saír a navegar
A tripulación prepara as velas para saír a navegar
O Nueva Sofía e o Ría de Ferrol, amarrados en Curuxeiras
O Nueva Sofía e o Ría de Ferrol, amarrados en Curuxeiras
A proa de La Recouvrance, a goleta que veu de visita dende Brest, convidando a Galiza para a maior festa do mar da Bretaña, a celebrar o ano que vén
A proa de La Recouvrance, a goleta que veu de visita dende Brest, convidando a Galiza para a maior festa do mar da Bretaña, a celebrar o ano que vén
O Hidria II foi sede das xornadas técnicas, emntres fondeaba no peirao
O Hidria II foi sede das xornadas técnicas, emntres fondeaba no peirao