Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Ofértalle colaboración á Junta

Quintana subliña en Estremadura o apoio da Xunta ao galego no Val das Ellas

Un ano despois de que o goberno estremeño cualificase o convite galego á colaboración cultural de "delirio imperialista dos nacionalistas", o vicepresidente da Xunta inaugura na localidade cacereña de San Martiño de Trebello un curso sobre A Fala de Xálima.

Redacción - 17:45 10/07/2007

"Só queremos ofrecer unha man de amigo e a nosa colaboración para un ben tan simbólico e importante como o mantemento dunha lingua como é a fala", explicou Anxo Quintana durante a súa intervención na vila cacereña de San Martiño de Trebello. Aló, e acompañado polo rexedor local, Máximo Gaspar, e por Ana Pérez, alcaldesa do veciño concellos de Valverde do Fresno, e por Antonio Bellanco, alcalde de Ellas, Quintana destacou o vencello de Galiza con estes tres enclaves onde se fala galego.

"Galiza estará sempre interesada en estreitar relacións con todos os pobos e especialmente coa comunidade estremeña coa que“un dos seus sinais de identidade nos une e nos vencella estreitamente", comentou o vicepresidente. Foi así que propuxo avanzar na colaboración entre administracións coa que reforzar "o labor dos propios falantes da lingua", co obxecto de manter vivo "ese patrimonio que diferenza e enriquece a un territorio".

Un ano desde o enfado do goberno Ibarra
"A administración galega nunca tivo nin terá interese imperial", expresou o vicepresidente da Xunta, lembrando o escasamente diplomático comunicado que o goberno estremeño publicaba hai algo máis dun ano, onde se lía entre outras cousas que "a Junta de Extremadura rexeita as fantasiosas premisas sobre as que se asenta o delirio imperialista dos nacionalistas galegos".

O goberno daquela liderado por Juan Carlos Rodríguez Ibarra respondía en abril de 2006 á petición do BNG no Parlamento galego, onde por aqueles días propoñía instar ao Goberno a que as axudas ao uso da lingua no exterior incluísen o Val das Ellas. "Sería absurdo que mentres Galiza e este val se identifican, as súas institucións se sintan distantes ou enfrontadas", sinalou Quintana este martes.

Fernández Vara asegura que non haberá confrontación sobre o Val das Ellas
Na mesma xornada, o vicepresidente da Xunta tivo tamén unha reunión co actual presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Férnandez Vara. O relevo de Ibarra á fronte do goberno estremeño afirmou que o Val das Ellas "temos que convertelo nun motivo de aproximación e cercanía". Ao fío, falou da "dimensión económica" que na súa opinión ten para Estermadura o feito de deixar "as portas abertas a Galiza", destacando o grande interese que existe no seu goberno pola "colaboración económica e política" co noso país. "As linguas non son limitantes. A fala será o que queiran os habitantes do Xálima, e nós comprometémonos a axudar a preservala e mantela", dixo Fernández Vara.

Aproveitando a súa viaxe a Estremadura, Anxo Quintana comentou ademais que iniciativas como a desta visita "non deberan entenderse como un asedio imperialista" senón como "unha oferta de colaboración coas administracións e a sociedade civil de aqueles territorios nos que se fala o galego ou algunha variante". "Trátase unicamente dunha proposta de traballo en rede, para adecuarse á realidade e á complexidade da sociedade actual nun terreo especialmente propicio, pois as linguas non respectan fronteiras ou límites territoriais e administrativos existentes", indicou.

Por outra parte, o vicepresidente chamou a deixarlle aos lingüistas "o papel de determinar a orixe desta lingua" e mentres a mirar porque "ambos pobos e institucións traballen conxuntamente en todo o que sexa preciso para acadar a súa conservación". "Como galego síntome identificado coa Fala, con independencia da súa orixe", destacou.


4.79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente de Estremadura, Guillermo Fernández Vara
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente de Estremadura, Guillermo Fernández Vara
Anxo Quintana en San Martiño de Trebello
Anxo Quintana en San Martiño de Trebello