Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En resposta ás Xuventudes Socialistas

Galiza Nova recorda que en 20 anos o Concello da Coruña non recibira nunca o colectivo

Cualifican de "despropósito" que os socialistas definiran como "sectaria" a xuntanza do grupo coa concelleira de Mocidade, Ermitas Valencia.

Redacción - 09:00 11/07/2007

"É un xesto por parte da concelleira que trascende o simbólico", salientan desde Galiza Nova. O colectivo explica que logo de dúas décadas realizando actividades na cidade, por vez primeira o Concello da Coruña recibiu oficialmente á organización na sede de María Pita, "malia que fora demandado en reiteradas ocasións en anteriores períodos". Engaden desde Galiza Nova que foi o propio colectivo o que se dirixiu ao Concello, cunha solicitude formal de reunión, para estabelecer unha interlocución negada durante anos cando Francisco Vázquez estaba á fronte do goberno local.

Ao respecto do tema concreto da xuntanza, a posíbel organización de actividades de recuperación da memoria histórica e de conmemoración do 75ºAniversario do nacemento das Mocedades Galeguistas, a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, expón que se trata dunha proposta "aberta e ampla" na procura de poñer en valor un traballo histórico que é patrimonio "de todos as e os coruñeses e de todo o pobo galego no seu conxunto". "Por iso non entendemos esta reacción, xa que o obxectivo, compartido pola concelleira, é facer desta unha celebración contando co asociacionismo da cidade e o resto de institucións, desde a Dirección Xeral de Xuventude até a Deputación Provincial e a Universidade da Coruña, coas que manteremos reunións en breve", explica Galiza Nova.

Nesa liña, repróchanlle a Xuventudes Socialistas, e en concreto á súa presidenta, Dolores Rodríguez Amoroso, que fagan "confrontación" neste tema, "xa que tenta desdebuxar unha iniciativa tan plural e tan necesaria nun concello onde agora fomos recibidos e atendidos dun xeito exemplar como debera ter sido sempre".


4.75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: