Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
EDITORIAIS

Actas e fugas

Unha vez que Rajoy saturou o seu discurso de obscenidades políticas, que se substanciaron en regalarlle a ETA o protagonismo no último debate sobre o estado da nación, Zapatero aproveitou para abastecerse de osíxeno. Entrara no hemiciclo á baixa, e saíu del vitaminado. Adiantamos os editoriais do número de xullo da revista TEMPOS Novos.

TEMPOS Novos - 08:00 17/07/2007

En boa medida, por mor da efervescencia inquisitorial do líder da oposición, retratándose na súa inconsistencia política desde o momento en que solemniza, con reiterada e monocorde autocompracencia, que é o terrorismo e non un proxecto global de alternancia o principal aval para a súa propia supervivencia, e tamén para que o PP reconquiste o poder perdido. A oito meses das eleccións xerais, co vento da economía a favor, e sen outra sobreexcitación institucional que non sexa a que a dereita política e mediática provocan a diario a conta de reivindicar actas etarras que xa son auga pasada, privilexios episcopais e fraudulentas equiparacións bélicas, manterse nesa obsesión é suicida. Desactiva, ademais, a esixencia dun debate pendente sobre o modelo de Estado ao que democraticamente aspiramos. Zapatero foxe del coma do diaño, malia que defenda a España plural na que di crer. Acaso porque teme que se teña que traducir na asimétrica realidade institucional e política que José Montilla vén de reivindicar. Coma nós.

Risco innecesario

Ninguén discute que Reganosa pode ser aínda unha peza estratéxica para a política enerxética do país, pero hai demasiadas razóns para pensar que Mugardos non é o mellor emprazamento para unha regasificadora. É certo que non

TEMPOS Novos ocúpase do conflito de Reganosa, a regasificadora de Mugardos, na súa reportaxe central. Este número inclúe tamén entrevistas ao cineasta Ken Loach, a intelectual haitiana Suzy Castor, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a poeta María do Cebreiro, quen tamén asina un conto erótico ilustrado por Xosé Carlos Hidalgo.
hai criterios precisos sobre a distancia mínima ás vivendas, mais a conflitividade social xerada e o sentido común poden ser un punto de partida. Desaproveitar un porto exterior construído precisamente para afastar o carbón, o gas e os hidrocarburos do interior dunha ría tan complexa para a navegación como delicada dende o punto de vista medioambiental é unha irresponsabilidade. Obrigar ao mesmo tempo aos ferroláns vivir á sombra dun risco absolutamente innecesario é ademais unha temeridade. Pero aceptar en herdanza un proxecto marcado polo escurantismo, a irregularidade e a peor discrecionalidade do fraguismo, iso é sobre todo un sinal de debilidade democrática. Por iso a misión do bipartito en Punta Promontoiro é doble. En primeiro lugar, como Administración e como accionista de Reganosa, a Xunta está obrigada a avaliar a necesidade dun traslado, calcular os seus custos e abrir unha vía de diálogo cos distintos axentes implicados. En segundo lugar, cómpre un exercizo de transparencia radical que vaia máis alá da coartada e leve ao Parlamento a intrahistoria deste proxecto. É preciso esixir responsabilidades e reconstruír a credibilidade. Pensar que podemos ver en Reganosa un motor de desenvolvemento industrial, unha empresa capaz de renovar o parque enerxético, como propón a Consellería de Innovación e Industria, sen ver ao tempo un xigante de 435 millóns de euros pendente dun fallo do Tribunal Supremo é propoñer a amnesia como protocolo. Se o convenio que Fraga e Tojeiro asinaron en 2000 para garantir a rendibilidade de Reganosa non é vinculante, hai que empezar de novo.

Tramposa neutralidade

Que mudou de febreiro a xuño para que o PP rache o consenso que acadaran os tres grupos parlamentarios sobre o uso do galego no ensino? Nada substancialmente relevante polo que respecta ao contido do decreto no que o Goberno escritura agora o acordo de hai catro meses. Máis aínda: nada que non estivese previsto no Plan de Normalización Lingüística promovido por Fraga Iribarne no 2004. Así as cousas, cabe pensar que esa inxustificada volta atrás ten moito que ver coa neofóbica estratexia contra todo o que singulariza no Estado os chamados feitos diferenciais. Núñez Feijóo achega escusas de mal pagador. Sabe que iso do bilingüismo harmónico é unha milonga que se lle ocorrera ao seu antecesor para burlar aos miuras da lingua. Como sabe que ningún dos informes xurídicos manexados pola conselleira Sánchez Piñón ve inconstitucionalidade na norma. E que nunca será posible o monolingüismo que el e os fraguistas dun cada vez máis sospeitoso Consello Consultivo tanto aparentan temer. Polo demais, esa batería de alarmas denota a tramposa neutralidade coa que tanto o PPdeG coma o seu líder parecen afrontar a condena diglósica que sofre o galego, pois que o poder e o instrumental tecnolóxico e comunicacional do Estado sempre priorizarán o castelán. Unha actitude insolidaria que os descualifica como hipotéticos gobernantes. De producirse unha guerra lingüística, terán que responder dela.

Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 122, xullo de 2007)


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: