Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A coalición mira cara á 2015

Socialistas e nacionalistas encarreiran o pacto en Pontevedra

Os equipos liderados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, e a voceira socialista Teresa Casal, anuncian un guieiro de medidas "urxentes" para os primeiros cen días de goberno.

Redacción - 09:00 27/07/2007

"Alégrome de poder pechar o acordo porque ambos os dous partidos, coas súas respectivas visións e particularidades, coincidiamos en que este pacto era necesario para darlle resposta aos desexos da cidadanía, e poder así gobernar conxuntamente", indicaba Miguel Anxo Fernández Lores.

O actual rexedor pontevedrés afirmaba este xoves que o pacto dálle resposta á petición da maioría social para un goberno "estábel, solidario e eficaz". O nacionalista comentou tamén o impulso que na súa opinión vai conseguir este novo acordo en favor dunha "maior iniciativa, capacidade de xestión e eficacia".

A pé del, a voceira socialista, Teresa Casal, quitáballe importancia ao tempo tardado en conseguir o acordo, destacando que o importante é que se alcanzaron "bases sólidas para a formación dun goberno estábel, forte e cohesionado". Opinou Casal que o documento redactado permitirá ademais que se corrixan os "erros" cometidos durante o pasado mandato.

Plan 2007-2015
Na convicción de que poñerán os vimbios para que en catro anos os veciños lles volvan dar nas urnas a confianza necesaria para seguiren gobernando en coalición, BNG e PSdeG avanzan decisivamente no diálogo e mesmo presentan un proxecto de Plan de Actuación Municipal 2007-2015. Unha iniciativa que segundo as dúas forzas políticas servirá para incorporar as achegas de diversos colectivos sociais e económicos da cidade e coordinárense coas previsións de investimentos do resto de administracións.

De xeito inmediato, cada un dos dous grupos políticos vai elaborar un informe sobre as necesidades máis urxentes de cada área de goberno, de xeito que o pacto bote a andar formalmente cun guieiro de medidas urxentes a poñer en marcha durante os primeiros cen días de goberno conxunto. Infraestruturas e sanidade foron dúas das prioridades destacadas polo propio rexedor para este novo ciclo. Lores tamén destacou a necesidade de "fortalecer a vertebración da bisbarra con Pontevedra como cidade de cabeceira".

Por outro lado, non se presentou aínda o reparto concreto de áreas de xestión, malia que transcendeu unha das que podería ser primeiras modificacións e que lle trasladaría aos socialistas unha concellaría con competencias urbanísticas xerais e a xestión concreta da zona vella. Doutra banda, os nacionalistas asumirían directamente a xestión do Plan Xeral de Ordenación Municipal.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: