Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
MARÍA DO CEBREIRO, POETA

"Non hai cousa máis triste que ir de poeta pola vida"

Filla de poetas, irmá e neta de músicos, María do Cebreiro (1976) é unha das poetas máis destacadas da súa xeración. Zodiacalmente, é cáncer. Unha entrevista de Diego Ameixeiras.

TEMPOS Novos - 12:00 02/08/2007

Vostede é da corda dos Rolling Stones. Foinos ver na xira española?

Ui, non. Musicalmente morreron hai tempo, pero quen me dera chegar a vella coma eles. Fixeron un pacto co demo, seguro, e iso inspírame simpatía.

Que lle suxire o rostro de Keith Richards?

Desconfío de quen pensa que para matar o pai hai que comerlle as cinzas. Gústame máis o rostro de Samuel Beckett. As súas engurras sempre me pareceron un dos trazos máis atractivos da literatura mundial.

Mire unha cousa: que lle pasa á poesía galega para que Antonio Gamoneda diga cousas tan estupendas?

Que Gamoneda recoñeza esa excelencia confirma que é un poeta ben informado. Ás veces, pasado o Padornelo, a xente vólvese cega ao innegable.

Recoméndenos un poeta raro, deses que non saen nos suplementos de cultura.

Xa houbo quen fixo unha escolma titulada 'Los raros', e a min gustaríame saír nunha ou facer unha. Un raro de ouro é Alfonso Pexegueiro, aínda que xa saíu nalgún que outro suplemento.

Di Manuel Outeiriño que non existen poetas, senón poemas. Cre que leva razón?


Toda. Non hai cousa máis triste que ir de poeta pola vida. Hai quen o usa para ligar e, na miña opinión, equivócase rotundamente de estratexia.

Cando era adolescente escribía poemas na carpeta das clases?

Por sorte ou por desgraza escribíanmos a min.

Hai moito poeta maldito por aí solto ou xa non se leva?

Eu quería escribir un manifesto que se titulase 'Malditos poetas, poetas malditos'. O malditismo, como pose, é detestable. Hoxe en día é máis provocador ser optimista, sobre todo porque apenas hai motivos.

Lembra a primeira vez que escribiu un poema ou prefire esquecelo?

Aínda que soe a chiste macabro, foi cando se suicidou o gato dunha amiga miña, ao que lle tiña moita alerxia e un algo de manía. Por certo, chamábase Sócrates.

Ten algún tipo de ritual á hora de escribir ou aparécenselle as musas constantemente?

En calquera hora do día ou da noite (aínda que teño máis ben musos ca musas). Por iso procuro levar sempre un caderno e un boli a man. E escribo moitísimo nas viaxes, en movemento. É como se esa distancia e ese lecer de viaxar o volvese todo máis claro.

Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 122, xullo de 2007)


4.31/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: