Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOS Courel. Paremos a desfeita

Festa Revolta en Froxán: pola defensa da dignidade do territorio

Non se trata dun feito local, é algo que está a afectar a toda a cidadanía galega. Por iso, varios colectivos decidiron unirse para facerlle ver a toda a xente a destrución da serra luguesa.

Redacción - 14:03 07/08/2007

Para que a xente se implique, para que saiba do que acontece, que o vexa de primeira man e que chegue a eles como algo xa persoal... para isto todo este sábado 11 de agosto hai unha chea de actividades programadas no Courel, na eira de Froxán: músicos, artistas, faranduleiros e xente do circo hanse unir nunha xornada reivindicativa e de festa, onde se vai defender unha das zonas máis ricas, verdes e extensas de Galiza, que está a ser atacada no seu mesmo seo por unha chea de canteiras que seguen medrando, mentres comen a terra.

Na mañá da terza feira os colectivos que a crearon, (SOS Courel, Asociación Fonte do Milagro, Burla Negra, Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo e a Federación Ecoloxista Galega), presentaban a Festa Revolta. Alí estaban Orlando Gregorio Álvarez e José Ramón Rodríguez por SOS Courel; José Luis Baleato pola FEG; e Tomás Lijó, como membro da rede de acción sociocultural Arredemo e do colectivo Burla Negra.

"A Rede Natura 2000 parece unha cousa de quita e pon"
Cada un falou un chisco do que significa esta festa, mais, sobre todo, da destrución do Courel; das minas e explotacións mineiras e canteiras que hai abertas, das que aínda van abrir e da necesidade de considerar a serra luguesa como Parque Natural, un feito que iría alén da Rede Natura 2000, que, segundo Orlando Álvarez, está a ser modificada pola Xunta cando cadra, case sempre seguindo intereses económicos das empresas: "en 2004 quitouse un cacho do Courel da Rede Natura 2000, que máis ben parece unha cousa que se quita e se pon, que se traslada dun lugar a outro segundo mandan as empresas".

Os parques naturais case nada difiren da Rede Natura 2000, a non ser que o seu regulamento é inamovíbel, e quen mora nun parque natural sabe a que aterse, cando na Rede Natura apenas hai información, as pautas mudan periodicamente, e atópanse furados lexislativos nos que meter o dedo, a prol dos intereses económicos dos empresarios canteiros.

Xa están recollidas unhas 20.000 sinaturas

Para declarar o Courel Parque Natural dentro do estado xa están recollidas unhas 20.000 sinaturas, e agardan recoller aínda máis, e presentalas na Xunta, para conseguir que o Courel sexa, ao igual que xa son Os Ancares, intocábel.

O seguinte paso que agardan dar, dende SOS Courel, é recadar fondos para garantir a defensa xudicial do Courel, xa que, se a Xunta paraliza as canteiras, os donos destas han recorrer aos tribunais, e é preciso que a plataforma estea preparada. Se os cartos desen para moito, segundo comenta Orlando Álvarez, poderían chegar a mercar terreos, que permanecerían intocábeis, só para que a xente goce deles.

A Festa Revolta...

... vai levar a Frouxán unha chea de actividades pensadas para todo o mundo. A xornada do sábado comezará a partir das 11 horas da mañá, na Eira de Frouxán, con animación en directo, para pais, nais e cativos, seguida da proxeccións dos documentais As Encrobas. A ceo aberto e O salario do silencio. Haberá tamén un roteiro "rocing", xa que con el recuperarase unha antiga ruta polo monte, polo que os participantes deberán ir rozando o camiño. Despois de todo isto está programada unha Ultranoite Obélix e CIA, que igualiño que aquel cómic de Uderzo e Goscinny, no que Obélix montaba a súa propia canteira, e se volvía un avaro empresario, os participantes (Chévere, Mónica García, Comba Campoy, Os da Ría, Pablo Trasno, xente do circo...) faranlle rir á xente, falando dun problema que ultrapasa o Courel, e chega a toda Galiza.

Tomás Lijó, membro de Arredemo e Burla Negra lembrou que dende os dous colectivos xa levan tempo a traballar con SOS Courel e outras plataformas, dentro desta "dinámica do caos" na que está inmersa o país. "Hai varios conflitos por toda Galiza que teñen un patrón común: a falta de decisión firme por parte do Goberno Galego de paralos de facerlles fronte, defendendo os intereses dos galegos. Nós o que pretendemos e sacar estes conflitos do local, e dalos a coñecer por todo o país, facendo que a xente os vexa tamén seus e que se implique na súa resolución".


4.92/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Deseño de Panchez, para SOS Courel, de Aduaneiros Sen Fronteiras / www.aduaneirossemfronteiras.org
Deseño de Panchez, para SOS Courel, de Aduaneiros Sen Fronteiras / www.aduaneirossemfronteiras.org