Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Por imputación de delito ecolóxico e calumnia"

Stolt Sea Farm estuda emprender accións legais contra ADEGA

A asociación ecoloxista acusara a empresa acuícola de se desfacer dos peixes mortos tirándoos directamente ao mar en ácido fórmico.

Redacción - 17:45 08/08/2007
Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Foto: ADEGA

Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Foto: ADEGA

A multinacional galega Stolt Sea Farm-Prodemar anunciou esta cuarta feira que se reserva emprender accións legais contra a asociación ecoloxista ADEGA "por imputación de delito ecolóxico e calumnias".

ADEGA denunciara esta semana nos medios (poden consultar o escrito no Open Vieiros) a forma de actuar de piscifactorías como esta que "se desfán dos peixes mortos guindándoos ao mar en ácido fórmico".

"ADEGA dispón de informacións conforme os rodaballos mortos deposítanse en contedores de ácido fórmico ao 85%, subministrados pola química Brenntag, onde se disolven resultando un líquido pastoso de cor vermello sangue. Posteriormente, este líquido bótase directamente ao mar a través dunha arqueta aberta a un sumidoiro", sinala a asociación ecoloxista no seu escrito.

Almacenado en contedores estanco

Stolt Sea Farm-Prodemar, mediante un comunicado de prensa, desmentiu "categoricamente" que se realicen ese tipo de vertidos. Neste senso, explicou que no marco do seu sistema de xestión ISO-14.000 de calidade ambiental estabelécese que todo tipo de residuos, incluídos os peixes, sexan tratados por xestores autorizados.

En concreto, indicou que os peixes mortos se van almacenando -seguindo un protocolo aprobado- en colectores estancos con ácido fórmico até que estes se enchen e o xestor se pode facer cargo deles "para levalos ao centro de tratamento homologado e evidentemente, o sistema prevé que se conserven todos os documentos acreditativos da xestión como albarás de saída ou facturas", aclarou a empresa.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: