Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A porta da entrada foi calcinada

Atentan de madrugada contra o Centro Social Revira de Pontevedra

Lugar de xuntanza da plataforma Pontevedra Antitaurina, que nun comunicado apunta a "grupúsculos filo-fascistas, que viron incrementado o seu número durante a Feria Taurina" como posíbeis culpábeis.

Redacción - 11:50 11/08/2007
Situación do local da Revira, en Pontevedra

Situación do local da Revira, en Pontevedra

O Centro Social Revira "espaço alternativo galego inserido e ao serviço do movimento popular da comarca de Ponte Vedra (...); entidade independente, autogerida e plural, com visom de País e um projecto de esquerda anticapitalista" foi obxecto dun atentado na madrugada do venres, segundo informa na súa web a plataforma Pontevedra Antitaurina.

"A plataforma Pontevedra Antitaurina quere expresar a total repulsa ao atentado acometido onte contra o Centro Social Revira de Pontevedra, cando en plena madrugada se decretaba un incendio na súa entrada, que por sorte foi sufocado polos bombeiros en pouco tempo ao evitar que se estendera á zona posterior", sinalan nun comunicado.

Cheiro a gasolina

As lapas calcinaron parte da porta de entrada, e segundo testemuñas, da zona emanaba un forte cheiro a gasolina , do cal se conclúe a intencionalidade do atentado, afirman dende a plataforma, que esixe unha investigación sobre o acontecido e a identificación dos causantes o antes posíbel.

"Aínda que é pronto para buscar culpábeis, as sospeitas recaen en grupúsculos filo-fascistas que viron incrementado o seu número durante a Feria Taurina, que exerce un efecto imán ideolóxico durante estes días", aseguran.

Por último, fan un chamamento á reflexión "sobre a relevancia que darían os medios a esta tentativa se se tratase dunha entidade bancaria ou de calquera centro institucionalizado ou mesmo adscrito ás caixas de aforros".


4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: