Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Galiza legal dos poderosos

ADEGA denuncia ante o SEPRONA unha canteira no Concello de Muras a súa paralización inmediata

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza ven de presentar ante o Servicio de Protección da Natureza da Garda Civil unha DENUNCIA contra a explotación mineira Angelita Fracción Segunda, ubicada nas proximidades de Baamonde e Castiñeira, cerca do monte Peñote, no concello de Muras, promovida por Epifanio Campo, da familia, pois, do anterior Alcalde de Ortigueira, con fábricas de ladrillos, pneumáticos usados, negocios na construcción, etc,

ADEGA - 11:29 14/08/2007
Tags:

Os argumentos da denuncia son o mesmos que utiliza a Resolución da Dirección Xeral de Urbanismo de 11/12/2006 pola que se lle ordena a paralización inmediata da actividade (DOG de 25/01/2007): non contar con autorización autonómica nen tampouco con licenza municipal e, engadindo nós que, por riba, se ten saído das zonas de explotación delimitadas na correspondente Declaración de Impacto Ambiental invadindo terrenos do LIC ES112005 Serra do Xistral no que estaba constatada a presenza de hábitats prioritarios que a Directiva Europea considera en perigo de desaparición.

Dende ADEGA queremos empezar por denunciar o trato de favor que esta canteira ten recibido da anterior administración ao terlle consentido a actividade extractiva sen contar nen siquera con concesión mineira, nen declaración de impacto ambiental, nen autorización autonómica, nen licenza municipal, todo o cal non tén sido obstáculo para suscribir contratos de suministro de pedra desta canteira con diferentes administracións: primeiro para a residencia do Presidente da Xunta no monte Pedroso, promovida por D. Manuel Fraga e, na actualidade, un contrato coa polémica Cidade da Cultura para o suministro de 12.000 metros cadrados de pedra.

Para constatar este trato de favor só hai facer notar que a explotación empeza en agosto do 2000 (así o di, ademais, a mesma Declaración de Impacto Ambiental) sen autorización de ningún tipo, nen siquera concesión mineira, e tomar nota, logo, dos seguintes datos:

28/10/1999: Orde da Consellería de Meio Ambiente publicada no DOG de 09/11/1999 pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para a súa inclusión na Rede Natura 2000 como espazos naturais en réxime de protección xeral. A zona de explotación está incluída no LIC Serra do Xistral.

07/06/2001: Orde da Consellería de Meio Ambiente pola que se renova a declaración de espazos en réxime de protección xeral as zonas incluídas na proposta galega para a Rede Natura 2000. A zona de explotación sigue incluída no LIC Serra do Xistral.

05/11/2001: Resolución da Dirección Xeral de Industria publicada no DOG do 10/12/2001 pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental, o proxecto de restauración e o pase a concesión correspondente á explotación da canteira Angelita Fracción Segunda.

13/06/2002: Orde da Consellería de Meio Ambiente publicada no DOG de 18/06/2002 polo que se prórroga por un ano máis a declaración como espazos naturais das zonas propostas por Galicia para formar parte da Rede Natura 2000. Naturalmente a zona de explotación sigue incluída no LIC Serra do Xistral.

30/06/2002: acordo do Consello da Xunta, apenas quince días despois da orde anterior, polo que se exclúe da proposta para a Rede Natura 2000 a zona de explotación solicitada por Cuarcitas de Muras.

08/04/2003: Resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que se fai pública a través de Resolución da Delegación Provincial de Industria en Lugo de 07/05/2003, publicada no DOG de 15/05/2003.

03/07/2003: Resolución da Dirección Xeral de industria pola que se lle otorga a Cuarcitas de Muras unha concesión de seis cuadrículas mineiras para recursos de cuarzo e outros da sección C) que non se pública ata o DOG do 7 de febreiro do 2007.

A actividade continúa ata hoxe sen ter autorización autonómica e sen licenza municipal. Pero, a maiores, aínda resulta interesante destacar que, tal e como consta na mesma Declaración de Impacto Ambiental, a actividade tiña empezado xa moito antes, sen siquera ter sido sometido o proxecto a información pública. É a propia declaración de Impacto ambiental quen nos di ao respecto:

“Da visita efectuada ó terreo por técnicos do Servicio Provincial o 4 de decembro de 2.001 observouse que a canteira se atopaba en plena explotación.

A denominada zona 1 atopábase totalmente aberta, empezando as operacións de explotación en agosto do pasado ano 2.000.

Abrironse dúas grandes pistas de acceso dende o camiño que vai ós lugares de Baamonde e Castiñeira ata devandita zona, unha delas de 5 metros de ancho e dotada de unha grosa capa de firme. Estaba iniciada a continuación desta pista, presumiblemente para acceso as outras dúas zonas previstas.

Atopábase traballando unha retroescavadora de grandes dimensións, así como diferente persoal, parte na fronte 1 e parte na zona de servicios, preparándo palés de pedra, que aparecían amoreados en gran cantidade.” (Declaración de Impacto Ambiental. Páxina 21)

En resume un exempro máis de ILEGALIDADE que a anterior administración empezou premiando coa exclusión da Rede Natura da zona solicitada para a explotación mineira para así poder otorgarlle unha concesión de seis cuadrículas mineiras (180 hectáreas) e continuou consentindo que siga a actividade extractiva aínda sen contar coa preceptiva autorización autonómica nen licenza municipal, o cal non impide, -como xa se dixo máis arriba-, que a administración se convirta no primeiro cliente desta canteira Cuarcitas de Muras con ese contrato para a cidade de Cultura de 12.000 metros cadrados de pedra.

Dende ADEGA entendemos que a Lei obriga a todos por igual e non é de xustiza esixirlle ao propietario do solo unhas medidas de protección ambiental que, logo, sen autorización de ningún tipo, lle consentimos á esta ou a calquer outra actividade mineira. Solicitamos, por tanto, a paralización inmediata da actividade (entretanto se tramita o correspondente expediente de legalidade urbanística) e, no que respecta á zona da Rede Natura afectada pola explotación e zonas de actividade fora do permitido na Declaración de Impacto Ambiental, pedimos a súa, tamén inmediata restauración, tal e como se esixe na lei 9/2001, de conservación da natureza. Sabemos ben que hai traballadores implicados que ningunha responsabilidade teñen na ilegalidade desta actividade mineira: polo tanto tén que a empresa ser obrigada a ofrecer alternativas de traballo aos seus empregados e ningunha dificultade debe ter, ao respecto, o grupo de empresas da familia Campo. En todo caso, na restauración da zonas afectadas pola explotación hai inicialmente oportunidade de traballo para todos os empregados e empregadas.

Tamén solicitará ADEGA que por parte da Cidade da Cultura se proceda a anular o contrato de suministro de pedra suscrito polo Governo do Sr. Fraga, non só porque ten que ser a administración a primeira en dar exemplo no cumplimento da lexislación vixente, senón porque así o esixe tamén o Real Decreto Lexilativo 2/2000, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas: o suministrador tén que demostrar que ten capacidade para ofertar os materiais suministrados e resulta evidente que esa capacidade non se lle pode recoñecer a unha actividade que, para elo, ten que ser exercida de forma ilegal.


4,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: