Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"As cifras de accidentes son inasumíbeis"

A UGC considera que a política de seguridade viaria é "errónea"

A asociación galega da Garda Civil critica a actuación da DXT en Galiza, especialmente do seu responsábel no país, Xosé Luís Ulla, do cal din que "hai mostras suficientes da súa ineficacia para o cargo".

Redacción - 14:30 20/08/2007
A UGC propón a inclusión da Seguridade Vial no currículo escolar

A UGC propón a inclusión da Seguridade Vial no currículo escolar

A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) manifestou este luns a súa preocupación polo elevado número de accidentes de tráfico que se producen no país, que segundo esta asociación responde en parte a que "a política disposta por burócratas desde Madrid non atende ás realidades de Galiza".

Así, afirman que o país "conta coa maior densidade viaria e coas provincias con máis quilómetros de estradas do Estado. Non se contou o necesario cos criterios dos técnicos de Tráfico nin de Obras Públicas de Galiza. Hai poucos quilómetros de autovías. A climatoloxía require un forte investimento en firme antiescorregadizo, xa que non hai o suficiente e o que hai xa non é operativo por falta de mantemento".

Ademais, lembran que xa con anterioridade denunciaran "a lamentábel política desenvolvida en Galiza, desde a Dirección Xeral de Tráfico (DXT)", que consideran "errónea" e que "prima a recadación con denuncias". "É doado atopar os novos radares fixos en tramos rectos de autovía onde se aumenta a velocidade e que nunca salientaron por unha alta sinistralidade; coidamos que a súa localización persegue só recadar", afirman.

Críticas ao responsábel da DXT en Galiza

Por último critican tanto ao director da DXT, Pere Navarro, polos seus comentarios de pasadas datas ao respecto da "psicoloxía e pesimismo dos galegos", como especialmente ao responsábel da Garda Civil de Tráfico galega, Xosé Luís Ulla, que "segundo estes datos, habería mostras suficientes da súa ineficacia para o cargo".

"Estabeleceu macrocontrois de alcolemia en certos puntos de Galiza, con case todas as patrullas provinciais, desatendendo así o resto da provincia que quedaba sen ningunha. Por iso aumentaba eses días a sinistralidade con alcolemias positivas en lugares afastados destes macrocontrois", denuncian.

Propostas da UGC

A UGC-Galicia, para reducir estas cifras propón, ademais da substitución de Ulla, "por ineficacia", outra serie de medidas a aplicar tal como unha maior rigorosidade coas sancións graves, "con pronta retirada do permiso de conducir nestes casos"; a colocación de radares fixos "onde haxa alta ou incipiente sinistralidade".

Apostan tamén por "non destinar gardas civís á vixilancia do tráfico en poboacións con Policía Local", para poder aumentar o número de patrullas; pola redución do número de axentes destinados a labores burocráticos, e a transferencia "das que sexan viábeis" a funcionarios civís; e, "con miras ao futuro", implantar a Seguridade Viaria como materia escolar.


4.9/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: