Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Emisora próxima aos Kacynski

Polonia quere subvencionar un proxecto de Radio María con fondos da UE

A CE advertiu esta semana que bloqueará a decisión do goberno polaco de non se cumpriren os valores comunitarios de non discriminación sexual, étnica ou relixiosa.

Redacción - 18:00 31/08/2007
O fundador de Radio Maryja, Tadeusz Rydzyk

O fundador de Radio Maryja, Tadeusz Rydzyk

A Comisión Europea advertiu esta semana de que podería "bloquear" a decisión do goberno de Polonia de subvencionar con fondos da UE un proxecto escolar da emisora católica ultraconservadora Radio María, se determina que non se cumpren os valores comunitarios de non discriminación sexual, étnica ou de crenzas relixiosas, entre outros.

A portavoz de Traballo e Asuntos Sociais, Katharina von Schnurbein, quixo desmentir a información publicada con anterioridade por algúns medios, segundo a cal a CE tería aprobado xa unha subvención de 15 millóns de euros para a ampliación da escola de xornalismo da emisora Radio María, acusada en diferentes ocasións de antisemitismo.

Mesmo o ministro polaco de Desenvolvemento Rexional, Grazyna Gesicka, afirmara nun comunicado que "o proxecto cumpriu con todos os criterios estabelecidos e conseguirá os fondos da UE" para a universidade privada, localizada en Torun.

Lista previa

Segundo explicou von Schnurbein, o proxecto figura nunha lista que Varsovia lle facilitou a Bruxelas cos posíbeis proxectos a financiar dentro do Programa Operativo global para este país, ao que a CE aínda ten que dar o seu prace.

A voceira de Asuntos Sociais reiterou a vixencia dos criterios de non discriminación que deben cumprir os Estados membros, e engadiu que "confiamos en que as autoridades polacas, que asinaron estes valores europeos para unirse á UE, os respecten".

Antisemitismo
Radio María (Maryja, en polaco) foi fundada en Polonia polo polémico sacerdote Tadeusz Rydzyk. A principios deste ano foron difundidas polo semanario Wprost uns seus comentarios antisemitas, gravados sen o seu coñecemento.

En 2005, a Santa Sé fixolles chegar aos bispos polacos a súa opinión de que Radio María fora demasiado lonxe no apoio durante a campaña electoral da candidatura do partido Lei e Xustiza que lideran o actual presidente de Polonia, Lech Kacynski, e o seu irmán xemelgo e primeiro ministro do país, Jaroslaw, cunha política marcada polo acoso aos homosexuais e ás persoas que colaboraron co Partido Comunista no pasado.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: