Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde a India (19)

As nenas tristes non poden bañarse

Todos os nons e impedimentos do mundo nese observar como os demais se divirten e unha non pode pola mera razón de ser unha muller. María Reimóndez escribe para Vieiros desde a India.

María Reimóndez - 13:15 03/09/2007
María Reimóndez, bailando

María Reimóndez, bailando

Despois de visitar o novo asentamento dirixímonos a carón da costa ver o lugar onde antes se atopaba Venthekarantheru. No asentamento queda Suresh coa súa marca no pescozo despois de permanecer pendurado nunha palmeira tras perder á súa irmá, ou Damendi, a nena que quedou orfa, e todas as demais persoas que coñezo e levo marcadas para sempre na memoria, como se a min tamén me tivesen pendurado dunha palmeira hai dous anos. O lugar está ermo, recordo a primeira vez que o vin, cos monumentos funerarios sobre os restos das casas. O mar inmenso e a area que comía as estradas. Non podo evitar sentir unha canseira e unha tristura que me invaden sen fin ao ver a casa que nalgún momento foi un pequeno posto de té aínda cos prezos escritos, que queda como un monumento silandeiro a quen xa non está.

Pero hoxe non estou soa e o grupo do Vanakkam só ve o mar porque descoñece esas imaxes que a min me sobrecargan o corazón. E algúns e algunhas participantes deciden facer algo inusitado nestas terras e entrar na auga probar o Índico. No meu interior mestúrase a tristura anterior con darme conta da vida limitada que levo, porque eu non podo bañarme. Porque son unha muller que está xa tan introducida aquí ata a raíz que sei que non debo bañarme se quero que a xente me respecte e síntome como todas as nenas ás que lles pechan as portas de facer algo divertido, todos os nons e impedimentos do mundo nese observar como os demais se divirten e unha non pode pola mera razón de ser unha muller.

Danza que cura
Aínda levo a tristura e a confusión no corpo cando chego á casa do meu mestre de danza, onde non hai luz e me teño que vestir e maquilar na escuridade. Por sorte teño comigo a Bobby, que me axuda e ademais me divirte coa súa cara sempre animosa. De feito foi súa a idea de dicirlle ao grupo do Vanakkam que eu non ía bailar hoxe, por desgraza esquecimos quitar as miñas sandalias da porta e todo o mundo sabe por iso que estou dentro. Cando o meu mestre me chama estou lista para pasalo ben, para bailar e sentir a Thillana e as miradas atentas das persoas que me son xa tan queridas. A danza cúrame a tristeza coa calideza dos aplausos.

A poeta do río
Achégase a fin e Pondicherry vai marcando unha etapa nova na despedida. É a primeira vez que visito Pondicherry, ese lugar costeiro turístico que salvando as distancias ben podería ser calquera lugar do Mediterráneo. Chegamos de noite e a min non me interesan especialmente nin a posibilidade de comer comida occidental nin as cervexas (non bebo!) que se poden consumir no restaurante senón máis ben a conversa con Malathi Maitri, outra das poetas do noso libro, que vive aquí, en Pondicherry. Fálame do seu afán por poñer en marcha unha liña de roupa con tecidos e tintes naturais (traballou durante anos no mundo da moda e deixouno porque non podía coa súa superficialidade). Ela naceu a carón dun río que como ela di levaba entre nós miles de anos e nunha xeración, dende a súa infancia ata o de agora, chegou a tales niveis de contaminación que xa ninguén pode nadar nel. Malathi quere cambiar ese destino fatídico. O seu primeiro libro de poemas está dedicado ao río. Cambiando o destino coa poesía e cos actos.

Non queremos ir para a cama
Cando chegamos ao noso aloxamento en Pondy despois da cea tan agradable con Malathi parece que ninguén quere ir para a cama. Así que sentamos no pequeno xardín da entrada da residencia e falamos e rimos ata que nos vai podendo o sono. Ninguén quere deixar escapar nin un segundo de manternos aí, nese instante no que aínda non hai mañá, non hai despedidas, non hai Chennai nin aeroporto. Cando vou para a cama levo nos beizos toda a suavidade da noite.

Crónicas anteriores:


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: