Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Ría de Ferrol

Reganosa mantén que a posibilidade dun accidente é 'moi remota'

Os veciños da Plataforma O Cruceiro de Meá seguirán pechados na casa consistorial até se entrevistaren con Clos e Touriño.

Redacción - 19:16 04/09/2007

A empresa Reganosa, titular da planta regasificadora de Mugardos, asegura que as instalacións cumpren “estritamente” a distancia que debe existir coa poboación e cualificou de “moi remota” a posibilidade de incidentes. Nun comunicado, di que as “modernas tecnoloxías” que usa garanten que as “remotas” incidencias que se poidan producir teñan efectos só no “propio recinto da terminal”.
Segundo o Regulamento de actividades molestas, insalubres e perigosas (Raminp), a distancia de 2.000 metros entre a planta e o núcleo de poboación é “orientativa a condición de que se adopten as medidas que se requiran en cada caso”. A competencia de determinar a distancia é da Xunta, segundo os Reais Decretos 1254/1999 e 1196/2003. Segundo o estudo de perigosidade, que avala o Goberno, as “áreas vulnerábeis” só afectan aos límites de Reganosa coa empresa veciña, Forestal do Atlántico.

O comunicado de Reganosa tamén conclúe que se trataron “axeitadamente” os potenciais efectos recíprocos entre as dúas empresas, e que se cumpren as ordenanzas municipais, que estabelecen que na zona onde se atopa a empresa están autorizados “o almacenamento e regasificación de gas natural licuado”.

Marcha dos veciños
Os representantes dos veciños da Plataforma O Cruceiro de Meá, pechados dende o 23 de xullo no concello de Mugardos en protesta contra Reganosa, entrevistáronse o martes ao mediodía en Madrid co director xeral de Política Enerxética e Minas, Jorge Sanz. Os veciños solicitáronlle que non lle conceda a autorización de funcionamento comercial á planta, pois consideran que non garda a distancia de seguridade.

A presidenta da plataforma, Luz Marina Torrente, declarou a Europa Press que a autorización que concedera o ministerio á planta regasificadora estabelecía que os buques gaseiros puidesen saír rapidamente e polos seus propios medios no caso de accidente durante a descarga, que se cumprisen as distancias á poboación que figuran na Lei Seveso II, e que o circuíto de refrixeración do gas fose pechado.

Os veciños, que levan 44 días pechados no consistorio, anunciaron que seguirán coa protesta até que os reciban o ministro de Industria, Joan Clos, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Por outra banda, Reganosa recibirá este venres o seu sétimo buque gaseiro, LNG Oyo, con 63.681 toneladas de gas natural licuado.


Visualizar o mapa ampliado


4,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: