Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA A FRANCISCO FERNÁNDEZ RIVERA

"Moitos licenciados galegos en tecnoloxía marchan a Madrid, Barcelona e o estranxeiro"

O director do Master en TIC das universidades de Santiago e A Coruña demanda máis diálogo entre profesores universitarios e empresarios para acabar coa fuga de cerebros.

Manuel Vilas - 10:56 08/09/2007
O catedrático de Arquitectura de Computadores da USC, Francisco Fernández Rivera

O catedrático de Arquitectura de Computadores da USC, Francisco Fernández Rivera

Francisco Fernández Rivera é un dos maiores expertos galegos en formación en novas tecnoloxías. Entre outras responsabilidades, é Coordinador do Master de Tecnoloxías da Información das universidades de Santiago e A Coruña, o primeiro curso de posgrao da Galiza que recibiu unha Mención de Calidade por parte do Ministerio de Educación e Ciencia.

Nunha entrevista co portal do PEGSI, Rivera analiza as causas que empuxan a numerosos licenciados galegos a buscar o seu futuro profesional máis alá das fronteiras do país e mesmo do Estado. Na súa opinión, cómpre mellorar a comunicación entre os sectores académico e empresarial, para así dotar ao mercado laboral de licenciados especializados nos perfiles que demandan as compañías.

Cales son os obxectivos deste programa de posgrao?
Dirixímonos a dous tipos de persoas. Por un lado, queremos dotar de coñecementos aos alumnos que van elaborar a súa tese sobre tecnoloxías da información. Por outra banda, formamos a traballadores especializados nesta industria, como enxeñeiros ou arquitectos.


No mercado laboral galego das TIC dáse un fenómeno contraditorio. Por un lado, en termos xerais, fálase da fuga de cerebros. Pero tamén hai empresas que se queixan que non atopan traballadores galegos ben formados en tecnoloxía ...
Non teño datos concretos para afirmar que se produce unha ou outra tendencia. Pero na universidade si que notamos que se dá certa fuga de cerebros, moitos alumnos acaban traballando en Madrid, Barcelona ou no estranxeiro. Unha das causas pode ser as perspectivas laborais, que, para os doutores, non son moi claras no eido académico. E as empresas tampouco demandan demasiados doutores. Precisamente, o noso Máster tenta contrarrestar isto, formando especialistas que resulten atractivos para as compañías.

Algunhas compañías tamén se queixan de que os alumnos que cursan carreiras tecnolóxicas non están ben formados para a actividade empresarial ...
Nas titulacións de enxeñería informática das universidades da Coruña e Santiago hai materias que si abordan este aspecto. Malia todo, é posíbel que os empresarios teñan certa razón e haxa que facer un esforzo maior.

Como se podería paliar este problema?

En primeiro lugar, habería que intentar coñecer mellor as necesidades específicas das compañías. Cómpre concienciar aos empresarios das potencialidades que existen se lle ofrecen unha formación especializada aos seus empregados. Isto é algo que nós xa facemos dende o programa de posgrao.

Que políticas deberían pór en marcha as administracións públicas para mellorar a coordinación entre as universidades e as demandas do sector tecnolóxico?
Creo que existe un déficit na cantidade de “feedback” que aportan as empresas sobre os alumnos que saen das facultades e que acaban traballando para elas. Hai que potenciar a conexión entre as especialidades do ensino universitario e o demandado polas compañías. Iso é algo que a Xunta xa ten en marcha a través do novo Plano de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, o INCITE. Pero creo que é aínda demasiado pronto para avaliar se está a dar resultados.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: