Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Blogomillo

Televisión á carta para os tres partidos

Así sería a programación da canle autonómica para Quintana, Núñez Feijoo e Touriño segundo o Galpón de Breogán.

Redacción - 14:40 06/09/2007
Imaxe que ilustra o blog 'Galpón de Breogán'

Imaxe que ilustra o blog 'Galpón de Breogán'

Os enfrontamentos que se viviron nos últimos días entre os dous partidos socios do Goberno polo tratamento nos medios de comunicación públicos están a ter o seu reflexo no blogomillo. A bitácora Galpón de Breogán, que dá unha visión moi particular da actualidade política do país, presenta como poderían ser a programación á carta da Galega para os líderes dos tres partidos con representación parlamentaria.

Aínda que os tres políticos coinciden en manter Magnum ás dez da mañá, concederlle a tarde a Superpiñeiro, emitir un filme de Clint Eastwood e poñer o Luar á noite, o enfoque informativo e o resto da programación difiren claramente.

Anxo (Quintana) opta por abrir a mañá co himno nacional coa bandeira ondeando sobre o ceo de Allariz, ofrecer o programa infantil Os Galetubbis e reportaxes sobre Os nosos montes, Os nosos maiores e As nosas empresas. Os informativos denomínanse “telexornais nacionais”, o espazo de Piñeiro O noso programa, e emítense as telenovelas Paixón en Melide e Amar en Ferrol.

A televisión de Alberte (Núñez Feijoo) constaría dos informativos Parte dos danos e Estado de alerta, documentais como O outro holocausto, sobre a situación dos castelanfalantes en Galiza, e Calquera tempo pasado foi mellor, sobre a historia do Goberno, máis un biopic sobre Manuel Fraga. A oferta popular complétana un partido de fútbol amistoso entre o Ourense e o Negreira comentado por Xosé Manuel Piñeiro, que a continuación presenta a Xil Ríos e a Núñez Feijoo, previamente entrevistado ao mediodía por Xosé Ramón Gayoso.

Os telexornais de Emilio (Pérez Touriño) emitiríanse en inglés con subtítulos en galego e español, e serían “obxectivos”, mentres que A revista levaría o subtítulo “da modernidade e da tradición de Galicia e España da mañá e do mediodía”. O resto da programación complétana unha minirreportaxe sobre Juan Gris, o programa de información meteorolóxica Ceo gris e a serie Anatomía de Grey.


3.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: