Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
DECLARACIÓNS DE STRAUSS-KANH

"O FMI tivo unha intervención catastrófica na Arxentina"

Non foi dito por un adversario do organismo internacional senón, pola contra, o candidato máis forte a dirixilo logo da dimisión de Rodrigo Rato. Unha nova crónica de Débora Campos dende Bos Aires.

Débora Campos - 11:35 07/09/2007

As verbas do francés mudaron o ánimo co que foi recibido na Arxentina. "O FMI tivo unha intervención catastrófica neste país, con consecuencias dramáticas sobre millóns de persoas", asegurou o candidato europeo para dirixir o Fondo Monetario Internacional (FMI), o francés Dominique Strauss-Kahn. As declaracións, evidentes en millóns de fogares arxentinos, foron recibidas con conformidade.

"O Fondo Monetario é unha vella institución que foi creada fai 60 anos e desde ese momento o mundo cambiou", dixo Strauss-Khan nunha entrevista concedida ao programa "A dos voces", o ciclo político máis visto na televisión. O ex ministro francés recoñeceu que "nun país como Arxentina o FMI, para moitas persoas, é o diaño, e ten boas razóns para que a opinión sexa así".

"Nun país como Arxentina a intervención foi catastrófica, con consecuencias dramáticas sobre millóns de persoas e iso é o que hai cambiar", sostivo o candidato que impulsa a Unión Europea para substituír a Rodrigo Rato á fronte do FMI.

Na procura de apoios

Strauss-Khan chegou ao país austral o domingo, nunha xira en busca de apoio á súa candidatura. O luns tivo unha reunión co presidente Néstor Kirchner; o ministro de Economía, Miguel Peirano e o titular do Banco Central, Martín Redrado. Nestes encontros, o francés recoñeceu que o esquema de intervención do FMI durante as crises "foi o mesmo para todo o mundo e iso non funcionou. Para Strauss-Khan o organismo debe agora ter en conta "a cultura, a historia, a situación política" de cada nación.

No que respecta á mellora da economía do país americano, Strauss-Khan dixo que a Arxentina "está mellor que hai algúns anos. Fixéronse esforzos importantes en canto ás exportacións, especialmente de produtos agrícolas. Tamén houbo unha política de aumento de reservas do Banco Central".

Kirchner capitaliza

O presidente Néstor Kirchner aproveitou as declaracións do francés, xa que confirmaron os seus propios ditos. "Hoxe os propios integrantes que queren conducir o Fondo véñennos a dicir que esa condución do FMI foi como o propio «Diaño» para Arxentina", sinalou.

O primeiro mandatario advertiu, con todo, que esa situación vivida coas anteriores autoridades do FMI "non nos impide recibir hoxe a quen queren conducir o Fondo e dicirlles que é o que ao noso xuízo ten que cambiar esa entidade"."Eles (por Strauss-Khan) recoñeceron os seus erros e gabaron que teñamos a coraxe de cancelar a débeda co FMI, pagámoslle e dixémoslles ata logo, porque os arxentinos queremos vivir, queremos pensar e queremos conducir", subliñou Kirchner.

O Presidente lembrou: "Logramos renegociar a débeda externa privada e aforrar 70 mil millóns de dólares aos arxentinos, dixémoslle adeus como corresponde ao FMI, pagándolles. Os arxentinos queremos conducir a nosa economía e as nosas decisións".


4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: