Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA PENAL NO TRIBUNAL SUPERIOR

A fiscalía investiga aos responsábeis políticos da contaminación das rías

A Federación Galega de Confrarías quere que dean a cara os que autorizaron urbanizacións sen prever o saneamento.

M.V. - 13:28 11/09/2007
A Ría de Pontevedrá é unha das afectadas / Flickr Manuel Bóo

A Ría de Pontevedrá é unha das afectadas / Flickr Manuel Bóo

A fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia está investigando unha denuncia penal da Federación Galega de Confrarías (FGC) que podería sentar no banco dos acusados aos responsábeis da política medioambiental nas rías galegas nos últimos anos.

Informe sobre contaminación
A fiscalía xa solicitou á Federación que amplíe o informe que presentou este verán no que se detalla a presencia de coliformes -a miúdo procedentes de vertidos fecais- en zonas de marisqueo en todo o litoral.

Os pósitos din ter atopado contaminación en diversos graos en areas de Coruña (ría do Burgo, Ferrol, Barrallobre, Mugardos, Pontedeume, Miño e Muros), Lugo (O Vicedo) e Pontevedra (Baiona, Vilanova e na ría pontevedresa). De feito, a Consellería de Pesca vese obrigada a pechar periodicamente varias desas zonas ao marisqueo, o que reduce os ingresos dos profesionais do mar.

En contra da lei europea
O xerente da FGC, Xan López, explica que dende 2005 a Unión Europea obriga a todas as vilas de máis de 10.000 habitantes a depurar as súas augas residuais. López quéixase de que, dous anos despois, son minoría as localidades que cumpren. Mesmo hai cidades, como A Coruña, que seguen vertendo directamente ao mar.

Ante esta situación, a Federación busca responsábeis políticos -aínda que, segundo o Faro de Vigo, evita sinalar culpábeis concretos. Ademais, a FGC quere “facerlles entender a todos os que promoven urbanizacións que, ou dótanas coas infraestruturas necesarias, ou esa urbanización non pode habitarse”.

Perder o medo e dar caña
Asemade, o ente que agrupa aos 62 pósitos galegos quere “servir de paraugas” para que as pequenas confrarías “perdan o medo e dean caña” e que “se hai un vertido puntual, o denuncien inmediatamente nos xulgados”.

Nese liña, López adianta que nos vindeiros días entregarán a ampliación do informe científico no que se basea a denuncia, elaborado por técnicos “próximos” á Universidade da Coruña.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: