Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Francisco Rodríguez, voceiro do BNG no Congreso

"Tendo en conta o PIB e a poboación de Galiza, somos dos máis favorecidos do Estado"

O deputado nacionalista afirma en Vieiros que en anos vindeiros vai ser difícil conseguir un incremento nos Presupostos Xerais do Estado superior ao acadado este ano, algo máis do 14%.

Fernando Arrizado - 20:26 12/09/2007

O vindeiro ano será outro o que negocie en Madrid os cartos que o Estado vai investir en Galiza. E non o vai ter nada fácil. Francisco Rodríguez, o voceiro dos nacionalistas no parlamento español, deixa a acta de deputado ao final desta lexislatura cun excelente sabor de boca: o Executivo de Rodríguez Zapatero comprometeuse a destinar 1.840 millóns de euros ás infraestruturas galegas, mais o BNG pretende que cheguen até os 2.000, o que suporía un incremento de algo máis do 14% con respecto aos 1.754 millóns de 2007.

Que valoración fai da xuntanza co ministro de Economía?
En principio positiva. O punto de partida é moi bo, xa que o goberno asume de inicio a cifra de 1.840 millóns de euros superior aos 1.754 millóns do ano pasado, que permitirán iniciar as obras do tramo do tren de alta velocidade Lubián-Ourense en 2008 para que comece a funcionar en 2012, así como posibelmente os traballos nos tramos de Ferrol-A Coruña e Vigo con Portugal. Se temos en conta o PIB e a poboación de Galiza, podemos dicir que somos das comunidades do estado máis favorecidas nestes presupostos.

O PPdeG cualifica o incremento de "propina", di que os orzamentos do ano pasado "xa eran malos" e considera que para que o AVE chegue en 2012 os investimentos "non poderían ser inferiores a 2.500 millóns de euros"...

Os comentarios do PP provocan hilaridade, vindo dun partido que conseguiu incrementos do 3%, do 4%, do 2,8%, nunca máis do 6%. Non se pode estar toda a vida mareando a perdiz. Non vale todo para descualificar. Estamos a falar dun partido que chegaba ano tras ano con 600 ou 400 millóns de pesetas, sen descontar o gasto militar.

Se non fose polos atrasos teríamos xa o AVE coa catenaria e electrificado en 2012. O que hai que conseguir é manter este ritmo de investimento durante outros dez anos para recuperármosnos de todos os atrasos sufridos.

Ademais, acusan o BNG de non apoialos no Congreso en propostas destinadas a favorecer o investimento do goberno do Estado na alta velocidade galega...

Non podemos apoiar persoas que nunca cumpriron con Galiza. Polos feitos coñecerédelos. Hai que ter un pouco de memoria e a historia está aí. O PP é un partido que incluso lle custou pór en marcha o Eixo Atlántico.

Cambiando de tema, en que quedou a proposta do BNG de crear unha compañía ferroviaria propia?

Agora estamos a negociar a rede ferroviaria de proximidades que tamén está contemplado nos Presupostos Xerais do Estado. Unha vez despregada e sexan traspasadas as competencias á Xunta, será o momento de pensar niso. E ademais das infraestruturas ferroviarias, haberá investimentos na mellora das infraestruturas nas cidades, no desenvolvemento do medio rural e na depuración e abastecemento de augas,

O ano que vén xa non estará vostede no parlamento...

Non, non me presentarei. Mais deixamos todo ben espetado. Este ano conseguimos un incremento moi alto que vai ser moi difícil de manter, porque xa estamos a falar de cifras moi altas que chegan ao 8% do total.


4.88/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: