Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India (21)

Rani volve á escola

María Reimóndez cóntanos a chegada dunha nova voluntaria, Blanca. Algunhas mulleres póñense a aprender informática para colleren as rendas da súa vida.

María Reimóndez - 11:51 17/09/2007

Esgotamento

A semana comeza cun terrible esgotamento acumulado que me leva a ter que dar cos meus ósos no chan durante un anaco á hora de comer para poder seguir adiante co día. Estes días en Karaikal son días máis que nada para que Blanca coñeza o proxecto e tamén unha oportunidade para que se forme na interacción coas comunidades.

Blanca estivo en Tiruchy en 2004, antes da tsunami, e daquela acompañoume no meu traballo, pero desta vez, no meu afán teimudo de que as persoas sexan independentes, o seu programa é diferente do meu. Só aquí en Karaikal estaremos xuntas, logo ela terá que dedicarse ás tarefas asignadas, que sei que lle fan ilusión, e que a axudarán a seguir desenvolvendo de forma exemplar o seu papel como coordinadora de voluntariado e como traballadora incansable na tarefa común de cambiar o mundo.

Malia manterme un pouco na sombra, aconsellando a Blanca sobre como aproximarse aos temas coas persoas, sobre as cousas que debe preguntar para poder recoller uns datos significativos, non podo evitar intervir de cando en vez no meu papel habitual. Como cando unha muller comenta que pediu crédito á federación para que o seu home poida mellorar o taller mecánico que ten. O proxecto non dá crédito para outras persoas que non sexan as mulleres, pero na federación son elas as que deciden e en Karaikal aínda queda moito traballo que facer dende o punto de vista do xénero.

Cando lle preguntamos en que investiu o home os cartos extra que agora lle dá o taller sinala cara á fóra: nunha moto nova. Obviamente, ela non a pode conducir. E obviamente tamén se o home desaparece, se emborracha ou decide gastar os cartos na lotería, sería ela a que quedaría de debedora. Iso tendo en conta que a muller quere mercar unha máquina de coser, agarda que o seu home lle dea os cartos.

Non agardes, dígolle. Colle o crédito seguinte para ti e non dependas de ninguén. E como isto non é suficiente, falamos con Sahajaraj para que na próxima xuntanza da federación se trate este tema e se limiten os créditos ás mulleres e non a familiares para evitar estas situacións aberrantes. Como di Blanca, así queda explicado por que os créditos se deben dar ás mulleres: ela cos cartos extra non tería mercado unha moto nin algo para usar ela soa. Non nos educan para ese tipo de egoísmo, ogallá aos homes tampouco.

Normalidade en Tiruchy


O regreso ao traballo vén marcado por unha normalidade que xa case esquecera. Blanca ten o seu propio programa, unha lista de tarefas que a manterán ocupada esta semana e media. Así que regreso aos suburbios con Rebekah, na tranquilidade de entrar nas casas, de reunirme coas mulleres sen unha morea de persoas ao noso arredor, sen suscitar curiosidade. Decátame do moito que o botaba en falta!

Rani volve á escola


Esta semana comeza unha segunda rolda de visitas aos suburbios para avaliar o traballo dos grupos, o crédito e o voluntariado de xénero. En Keela Krishnan Kovil Rani non está pola mañá. Ela foi animadora do proxecto durante un tempo ata que tivo xemelgos e decidiu deixalo para atendelos (e ao outro fillo que xa tiña). Pero iso non quere dicir que lle curase a curiosidade e o afán por moverse na vida. Ademais de ter en mans un negocio de venda de incenso con outras tres mulleres ao seu cargo, hoxe cando a vexo case non a recoñezo. Chega pola tarde vestida co que parece un uniforme escolar. E de feito así é. Leva unha semana asistindo a clases de informática promovidas por un instituto. O proxecto buscoulle praza e alá anda, emperrada en aprender inglés e informática e transformar a vida propia e allea con esa enerxía que rebole no seu corpo pequeno, leve a roupa que leve.

Crónicas anteriores:


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: