Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India (23)

Estamos dispostas!

María Reimóndez despídese da India facendo balance do traballo desenvolvido: como as persoas conseguiron cambiar as súas propias comunidades e están dispostas a seguir nesa liña.

Redacción - 10:00 21/09/2007

Unha vez máis, última semana

Comeza con rapidez a última semana en que teño que rematar o meu informe de avaliación, un traballo inxente. Así que sento na oficina co caderno onde a miña mala letra recolleu o datos de todas as persoas coas que levo falado estes meses. A enerxía das mulleres, o bo traballo realizado, o que queda por facer. Este sábado teño que presentar as conclusións e recomendacións non só ao persoal, como doutras veces, senón ao consello comunitario, ese órgano que representa á comunidade e que a partir do remate do proxecto se encargará de xestionar todas as actividades.

Suburbio?


Esta semana aínda quedan pendentes as visitas a diferentes consellos de suburbio. En Kajapettai as mulleres falan da necesidade de mellorar as infraestruturas do suburbio e tamén do moito que cambiou a súa comunidade dende o principio do proxecto. Reúnense cada mes, como o resto dos consellos, para tomar decisións e facer seguimento delas.

Grazas a iso xa conseguiron que mellorasen o alumeado público e organizan a limpeza regular do suburbio. Algo que por certo (a limpeza) chamou moito a atención das nosas participantes do Vanakkam. O resto da cidade está moito máis porca cós suburbios do proxecto. Se cadra deberiamos comezar a considerar cambiar as denominacións e chamar cidade aos nosos suburbios e suburbio ao resto.

Estamos dispostas!


As palabras amoréanse no ordenador. Pasan follas diante dos meus ollos, as palabras que agora fican en negro sobre a pantalla, sobre o papel, son no fondo persoas, vidas, cambio, mundo. Tecleo os datos recollidos, recordo e sorrío coas fotos. Aínda queda algún traballo por facer, os consellos de suburbio por rematar de formar.

Pero en todas partes a resposta é a mesma: Estamos dispostas. A saír adiante. A camiñar sen axuda. A facer pola vida. A dedicar tempo e enerxías. Síntome satisfeita e ao tempo preocupada polo futuro incerto do traballo despois da denegación da subvención. Pero as preocupacións fanse máis pequenas ao pensar no cambio de vida das máis de 8000 persoas coas que traballamos en Tiruchy. Elas están dispostas, e nós?

A terraza


Son as seis e cuarto da mañá. Na terraza respírase o aire fresco. Observo as follas da árbore neem que invade unha parte do espazo. E a parte de atrás da pequena mesquita que nos enxordece cada vez que toca oración. E os teitos de palla das casas que están detrás da miña. E as ventás das pequenas casas de dous pisos que están pegadas ao noso edificio, todas abertas. E o silencio. E os corvos que xogan noutras terrazas. E o ceo azul cunha nube de escuma. O horizonte. Que me levará lonxe, á miña outra vida. Sen levarme nunca. Sempre pendurada desta terraza, deste lugar que sen dúbida é o meu fogar.

Crónicas anteriores:


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: