Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Campionato Mundial de hóckei sobre patíns

Os mellores equipos de hóckei do mundo reuniranse en Vigo

O hóckei patíns vai volver situar Galiza como sede dun evento deportivo mundial, após o europeo de piragüismo, celebrado este verán en Verducido.

Redacción - 18:28 21/09/2007
Un momento da presentación do Mundial, en Vigo

Un momento da presentación do Mundial, en Vigo

Na mañá da sexta feira presentouse en Vigo o Mundial de hóckei sobre patíns que se vai celebrar na cidade en 2009, e que vai ser, segundo dixo a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, "o mellor da historia".

"Vigo xa ten amosado que ten capacidade para organizar grandes eventos, sobre todo cando ten quen lidere estes proxectos. Por iso non tivemos ningunha dúbida cando nos presentaron o proxecto e nos pediron a nosa colaboración", apuntou Souto.

A Federación Española de Patinaxe designou o pasado 15 de setembro a Vigo como sede deste campionato, que se vai celebrar xusto dentro de dous anos, en 2009. Na decisión final, Vigo superou a Cáceres e a Madrid.

Vai ser a primeira vez que Vigo acolle un Mundial de hóckei sobre patíns, xusto no ano en que se celebrará a vixésimo quinta edición do Torneo de Vigo, que organiza o Vigo Stick.

O Mundial repartido entre Vigo e Pontevedra
A competición internacional repartirase en dúas sedes, a cidade de Vigo e a de Pontevedra. En Pontevedra aloxaranse dous dos catro grupos da primeira fase e Vigo reunirá os outros dous da fase final.

Ao presentar a súa candidatura, Vigo prometeu facer promoción do hóckei en Galiza e no resto do estado español. A cidade programou unha serie de actos parellos, como marchas sobre patíns ou torneos en categorías inferiores, e vai empregar no Mundial as últimas tecnoloxías para mellorar a estancia de deportistas, cadros técnicos e medios de comunicación.

No Mundial a selección a bater será a española, que en xuño se volveu proclamar, por decimoterceira vez, campioa do mundo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: