Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cimeira da ONU

Haberá cambios 'reais' polo ben do clima?

Mentres o secretario da ONU di que o tempo de dubidar pasou, e que hai que pasar á acción; Al Gore, abandeirado da defensa do medio, clama por cimeiras trimestrais contra o cambio climático.

Redacción - 13:11 25/09/2007
Capa do filme Unha verdade incómoda, de Al Gore, profeta do cambio climático

Capa do filme Unha verdade incómoda, de Al Gore, profeta do cambio climático

Ban Ki-Moon abriu a cimeira da ONU sobre as alteracións climáticas apelando ás accións inmediatas. O secretario xeral das Nacións Unidas afirmou que as negociacións mundiais deben avanzar para reducir rapidamente as emisións de gases con efecto invernadoiro á atmosfera, que están acabando co medio: "o noso sistema climático está a quecer e isto débese directamente ás actividades humanas", sentenciou Ba Ki-Moon.

Ao parecer Ba Ki-Moon foi escoitado. Despois de cadansúa intervención, os líderes dos 154 países que na segunda feira, participaron na conferencia sobre o cambio climático da ONU, comprometéronse a chegar a un acordo para loitar contra o quecemento global, que vai alén das boas intencións.

"Non facer nada agora será a acción máis cara de todas a longo prazo"
Ban Ki-Moon organizou esta cimeira en Nova York co fin de crear as condicións políticas axeitadas para darlle pulo ás negociacións que se van desenvolver a finais deste ano, en Bali, para acentuar a redución das emisións de dióxido de carbono e outros gases con efecto invernadoiro.

"A raza humana mudou substancialmente a atmosfera do planeta"
Estas foron as palabras do presidente do Panel Intergobernamental da ONU sobre alteracións climáticas (IPCC), Rajendra Pachauri, quen tamén dixo que "a mudanza da temperatura vai agravar os incidentes atmosféricos extremos e reducir a dispoñibilidade de auga, o que pode afectar máis de 700 mil persoas só en Asia". "Aínda que tomemos medidas para reducir a emisión de gases agora mesmo, os efectos do quecemento global continuarán a se producir durante décadas, séculos mesmo, polo que temos de aprender a adaptarnos", acrecentou.

Os EUA e mailos seus representantes

Os tres representantes dos Estados Unidos nesta cimeira eran a secretaria de Estado dos EUA, Condoleezza Rice; o gobernador do Estado de California, Arnold Schwarzenegger; e o ex vicepresidente Al Gore, que ten feito das alteracións climáticas a súa imaxe de marca. Gore, ao terminar a xuntanza, asinou un artigo no que propoñía a celebración de cimeiras sobre as alteracións climáticas cada tres meses.

Bush, quen non apareceu en toda a cimeira, chegou máis tarde para a cea.

Bush, polo seu lado
Na quinta feira o presidente norteamericano, George W. Bush, vai desenvolver un encontro dedicado ás alteracións climáticas, limitado aos 16 países máis contaminadores do mundo.

Moitos ambientalistas temen que este "camiño" norteamericano separado, que vai envolver a China e India, poida fraxilizar o proceso de negociación global da ONU.

Os Estados Unidos, que recusaron a ratificar o Protocolo de Quioto (1997), téñense resistido a marcarse metas obrigatorias de redución de emisión de gases, mentres que Europa segue a insistir na creación de límites vinculativos, para todo o mundo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: