Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Piscifatorías (e III):

Sr. Touriño, CERO en ecoloxía, CERO en economía

As declaracións do Presidente da Xunta no VI Congreso de Acuicultura en Vigo, louvando o Plano Acuícola polo "impacto cero" na Rede Natura e a criazón de "2000 postos de traballo", amosan un preocupante descoñecemento da realidade ambiental e social destas macroinstalacións. O Plano Acuícola está moi lonxe de atender a criterios de sustentabilidade ambiental, utilidade pública e interese económico para o país. Só atende aos intereses empresariais de corporacións transnacionais tan "galegas" como Stolt Sea Farm (que desfixo cabo Vilán e agora quere o resto) ou Pescanova (á que impedimos desfacer Touriñán e agora cementa a costa portuguesa), e as que a Xunta vai "premiar" con 390 milóns de € en subvencións públicas.

ADEGA - 19:20 26/09/2007
Tags:

En canto á afección aos espazos protexidos, non pode afirmarse que o Plano Sectorial en revisión non implica alteración algunha dos espazos protexidos, e menos a "afección cero" á Rede Natura 2000 de Galiza. Resulta inxenuo pretender que macroinstalacións industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de depuración dos efluentes (millóns de m3 de augas contaminadas ao ano) non van repercutir sobre o ecosistema mariño e terrestre por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido. Sr. Touriño, a ocupación física dos terreos colindantes cun espazo protexido non significa a ausencia de impactos sobre este, por canto é ben sabido que existe un fluxo de materia e enerxía, uns ciclos no ecosistema que non entenden de límites administrativos. Ou dito doutro xeito: "non se lle poden poñer portas ao mar".

Mais á marxe disto, é radicalmente falso que non se ocupen físicamente espazos protexidos como ocorre con varias das instalacións propostas (no LIC Carnota-Monte Pindo, por exemplo, vanse a ocupar máis de 200.000 m2). E o que é mais grave, a futura ampliación da Rede Natura que vai propoñer Medio Ambiente bate cos planos de Pesca de cementar 308.000 m2 en Corrubedo (piscifatoría da punta Laxe Brava). Ula a "afección cero" dunha planificación sectorial que amosa unha vergoñenta descoordenación na súa xestión?

E polo que respeita á criazón de emprego e outras cuestións de interese social, o Plano Acuícola pretende ordenar un sector - principalmente os peixes planos - que representa unha mínima parte – concretamente o 1,8% - da producción total (4.000 Tm fronte a 222.000 Tm, datos de 2002) dominada pola acuicultura a flote e os parques de cultivo de moluscos. Cómo se pode falar do carácter estratéxico deste plano sectorial que só resposta ás necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo a aportación, esta sí verdadeiramente estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo que representan o 98,2% do total da producción e ocupan directamente a unhas 10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra?.

Resulta imperdoábel o esquecemento do groso dun sector baseado no aproveitamento dos recursos autóctonos, xerador do 95% do emprego eintegrado por profesionais, asociacións de produtores/as, confrarías e pequenas empresas de capital galego.

E polo que respeita aos postos de traballo, sorpréndenos que o Sr. Touriño fale agora de 2.000 empregos cando na memoria do Plano Sectorial recóllese unha previsión de 2.800. E que aquela previsión non era real?. ADEGA xa denunciara a falacia dos postos de traballo que eran calculados en base aos obxectivos de producción e a razón de 1 emprego por cada 11 Tm de peixe producidas. O truco está en que a acuicultura industrial é un sector cuxos procesos produtivos están altamente automatizados polo que o aumento da producción non precisa dun medre proporcional do persoal. Mesmo pode darse o caso de que a expansión signifique unha merma dos actuais postos de traballo, ao automatizar tarefas que como a alimentación manual, empregan á maior parte do persoal non especializado. No entanto, o máis grave non é o escaso emprego que crían estas plantas, senon o que poden chegar a destruir no groso do sector - a acuicultura a flote e o marisqueo-, este sí verdadeiramente estratéxico (98,2% da producción total), que vive directamente duns recursos litorais agora ameazados polas macropiscifatorías.

E finalmente, queremos chamar a atención sobre os 390 millóns de € de subvencións públicas que van ir parar ás empresas de acuicultura industrial. Se facemos un sinxelo cálculo, obtemos que para xerar 2.000 empregos, cada posto de traballo vai custar á administración 195.000 €. Ou dito doutro xeito, que todos os galegos e galegas imos pagar o soldo completo dos traballadores de Stolt, Pescanova e as demais (supoñendo un salario medio anual de 15.000 €) durante 13 anos!

Non é de estranar que para estas empresas o Plano Acuícola teña un carácter "estratéxico", pero que o diga o máximo responsábel do executivo galego amosa un preocupante descoñecemento da realidade ambiental e social do país.

Tal e como está plantexado, o proxecto sectorial acuícola en absoluto contribúe ao desenvolvemento sustentábel social e económico de Galiza, nin moito menos carece de impactos ambientais, o que sí parece perseguir é proporcionar ás transnacionais do sector importantes plusvalías a costa dos nosos cartos e do noso medio ambiente.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: