Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Teatro e acción social

A cordura das tolas

Loucas de Pedra Lilás chegaron enchendo de cor e enerxía o Club Internacional de Prensa. Co teatro de rúa, este grupo de mulleres brasileiras desafía todas as inxustizas.

Redacción - 19:00 01/10/2007

Cun pequeno sketch (Bad trips) sobre a propiedade intelectual presentáronse na mañá deste luns, na sede do Club Internacional de Prensa en Compostela, Ana Bosch, Cristina Nascimento, Nadege Nascimento, Paz Brandão, Ediclea Santos e Gigi Bandler. Seis mulleres vestidas de negro, coas caras pintadas de branco e con panos de cores na cabeza, que levan dezaoito anos denunciando as inxustizas e desigualdades do mundo, dende Recife (Pernambuco).

Elas son as Loucas de Pedra Lilás, ou o que é o mesmo, tolas de remate que ademais escollen a simbólica cor lila para o seu nome artístico. Carmen Carballo introduciunas salientando e agradecendo a posibilidade de contactar con elas, a través de Carlos Estévez, guionista da serie documental "Voces contra a globalización", que se emite na segunda canle de TVE.

Abrirán o simposio internacional Pobre Mundo Rico coas súas actuacións, este martes 2, logo da inauguración, ás 13.30 na Rúa Príncipe, na Coruña, ao día seguinte á mesma hora, na Praza do Obelisco, e en Ferrol, ás 19.30 no Cantón Grande. A Compostela volven para actuaren na Porta Faxeira o xoves ás 13.30, e esa mesma tarde, ás 19.30, estarán na ourensá rúa do Paseo. Por último, o venres estarán ás 13.30 en Pontevedra, na Praza da Ferrería, e ás 19.30 na Praza de Armanyá, en Lugo.

Artistas e activistas

A coordinadora do grupo, Ana Bosch, uruguaia que leva máis de media vida en Recife, presentou o grupo como "unha mestura de teatro de rúa e teatro feminista", sen esqueceren a súa procedencia: "somos da parte máis pobre do Brasil, o nordeste". Bosch falou das loucas como unha ONG: "temos como misión colocar en imaxes as demandas das mulleres, dos cidadáns en xeral. Non somos actrices nin cantoras profesionais".

Así o corroborou Gigi Bandler, francesa, pero tamén residente en Recife dende hai 28 anos: "somos activistas e artistas, non temos medo ao ridículo". Catalógannos como un media radical, pero somos persoas que queren participar na acción política doutro xeito. "Temos un xeito de falar sobre a cidadanía moi forte e contundente", explicou Cristina Nascimento, pernambucana e Coordinadora pedagóxica das Oficinas de Prevención e Combate á Violencia Doméstica, sexista e anti racista. "O noso non é tanto un discurso falado como un discurso de imaxes. A nosa postura está clara: feminista e libertaria".

"Ilustramos os feitos da actualidade con irreverencia: nós irrompemos no discurso das autoridades", engadiu Gigi. Ana Bosch incidiu tamén na súa integración no diverso e vizoso movemento feminista brasileiro: "A nosa boca é fundamental contra os fundamentalismos", o lema das mulleres do Marcosur, quedou ben explícito nas bocas que levaban pintadas nos abanos. Paz Brandão, a máis nova do grupo, é recifense e educadora, e salientou tamén esa compoñente no seu traballo: "somos un colectivo de educadoras, facemos tamén traballo social".

Alegría e humor contra todas as violencias


Nadege Nascimento subliñou o esforzo do grupo por traballaren en áreas como a prevención da violencia contra as mulleres: "eu vivo nunha zona moi pobre, a Praça do Morro da Conceição, e alí morren moitos rapaces novos e moitas mulleres. Non lles é doado pór unha denuncia". Brasil só conta cun marco legal específico para a violencia machista dende o ano pasado. As Loucas contan como levan moito tempo traballando nesa liña. "

Agora estamos na batalla de implementar ese marco con medidas de verdade, non só relacionadas coa penalización, senón coa garantía dunha rede de apoio xurídico e psicosocial, un xulgado específico...", indicou Ana. Cuestións como violencia, homofobia ou machismo non poden ser desligadas do contexto global de imperialismo. Como deixou moi claro Cristina, "a violencia ten as súas raíces na cultura, no pensamento machista, capitalista, racista..."

Por iso, estas seis "loucas" seguen a revolucionar o mundo dende a rúa. Agora poderemos velas en Galiza, ao longo da próxima semana, no contexto do Simposio Pobre Mundo Rico, organizado polo Club Internacional de Prensa da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ana Bosch e Cristina Nascimento nun momento do sketch
Ana Bosch e Cristina Nascimento nun momento do sketch
Paz Brandão, Cristina e Ana
Paz Brandão, Cristina e Ana
Paz, Cristina, Ana, Nadege Nascimento e Ediclea Santos
Paz, Cristina, Ana, Nadege Nascimento e Ediclea Santos