Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Debate da bioenerxía

Os biocombustíbeis poden alterar máis o clima do que o petróleo

As dúbidas sobre o impacto positivo dos biocombustíbeis medran cada día. Segundo o Nobel de Química Paul J. Crutzen, poden desestabilizar máis o clima que os combustíbeis fósiles.

Redacción - 13:43 03/10/2007
Unha mangueira de etanol, nunha gasolineira / Flickr: Kalle Kniivilä

Unha mangueira de etanol, nunha gasolineira / Flickr: Kalle Kniivilä

Acusados de destruír as selvas tropicais e contribuír ao aumento do prezo dos alimentos, agora tamén se dubida da súa propia razón de ser. Segundo un estudo publicado polo Premio Nobel da Química, Paul J. Crutzen, profesor do Instituto Max Planck de Química (Alemaña), o dióxido nitroso liberado polo emprego de fertilizantes para crear enerxía ten peores efectos do que os gases emitidos polo uso de petróleo.

Os biocombustíveis producen un 70% máis de gases nocivos que o petróleo
O estudo, publicado na revista Atmospheric Chemistry and Physics, explica que a colza, -moi empregada en Europa para a produción do biodiésel-, e o millo, -que nos EUA está na base do etanol-, producen entre 50 e o 70% máis de gases con efecto invernadoiro do que os combustibles fósiles. Isto é debido, sobre todo, ás emisións de óxido nitroso, un subproduto dos fertilizantes a base de nitróxeno empregados na agricultura, que ten 296 veces máis potencial de quentamento global que o dióxido de carbono.

A investigación liderada por Crutzen chega a resultados de 3 a 5 veces máis graves do que anteriores análises do ciclo de vida feitas sobre os biocombustíbeis. Isto sen teren incluído nas contas a enerxía gastada para transformar os materiais agrícolas en combustíbeis, segundo subliñan os autores, que pode aínda tornar máis evidentes os efectos negativos do seu emprego.

A máis beneficiosa, a cana de azucre
De todos os materiais agrícolas usados na produción de biocombustíbeis, o que parece ofrecer máis beneficios é a cana de azucre. Mais, ao medraren nos trópicos, hai moitas incertezas sobre o seu impacto nas selvas, xa que, ao procurar novos terreos para as plantacións, axudan na deforestación.

Os autores deste estudo aconsellan máis estudos sobre o ciclo de vida dos biocombustíbeis e defenden métodos de cultivo menos intensivos. Segundo un dos autores do proxecto, Keith Smith, agora mesmo, tal como está a ser producido, "o etanol feito a partir do millo non deixa de ser inútil".

O problema do etanol nos EUA
Os inversores téñenlle medo ao mercado do etanol. Está facendo que suban os prezos do millo e doutros alimentos e ao haber tanto producido, hai un exceso de oferta, que está facendo que os prezos vaian á baixa. O ritmo ao que foron construídas as destilarías non atopou escape na distribución. Daquela a abundancia de etanol é un problema, porque ademais é corrosivo e permeábel á auga e ás impurezas, polo que non se distribuír pola rede de oleodutos, o que está a saturar os outros medios de transporte.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O millo é a base do etanol / Flickr: orgazmica
O millo é a base do etanol / Flickr: orgazmica