Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Outro mundo posíbel

Que é a débeda externa?

A débeda externa contraída polos países do Sur é cinco veces maior á axuda que reciben. Súmate á semana de Acción Global que do 14 ao 21 de outubro poñerá en marcha múltiples formas de acción e mobilización en todo o mundo.

Aída Sánchez – Canal Solidario - 14:38 13/10/2007
Tags:

Un amplo grupo de organizacións e movementos sociais convoca, dentro da campaña Quen lle debe a quen?, a ‘Semana de Acción Global contra a débeda externa’ en máis de 10 cidades, entre o 14 e 21 de outubro. Esta semana reivindicativa dálle resposta ao chamamento conxunto que centenares de organizacións fixeron no último Foro Social Mundial de Nairobi.

O obxectivo das cinco xornadas de actividades participativas, divulgativas, lúdicas e de reivindicación é denunciar os gobernos, a banca internacional, as corporacións transnacionais e as organizacións multilaterais por saqueo e a ilexitimidade da Débeda Externa. Dámosche as claves para que coñezas máis sobre a Débeda Externa e as razóns polas que hai que acabar con ela:

Dámosche as claves para que coñezas máis sobre a Débeda Externa e as razóns polas que hai que acabar con ela:

Que é a Débeda Externa?
Tal e como explica Iolanda Fresnillo, investigadora do Observatorio da Débeda na Globalización (ODG), a Débeda Externa refírese ás débedas contraídas polos países empobrecidos coas institucións multilaterais, FMI, os bancos do Norte e os Estados do Norte, por exemplo, o Estado español. "A Débeda que teñen agora os países do Sur é a acumulación dos préstamo contraídos os anos 70 e que se seguen contraendo agora. A Débeda naceu na década dos 70 pero a realidade é que os países empobrecidos seguen hoxe endebedándose", engade Fresnillo.

Por que é ilexítima?
Sobre todo polas condicións nas que se contraeron estas débedas. A crise do petróleo nos anos 70, provocada polos países ricos, resultou especialmente en desvantaxe para os países empobrecidos debido ao aumento de prezos dos alimentos, a diminución na capacidade de aforro e a desatención dos investimentos necesarios para conseguir o aumento da produción.

Para eles a crise enerxética provocou un déficit na balanza de pagos, ademais do incremento do nivel de endebedamento externo. Non se puido seguir sostendo o consumo de petróleo dos países en desenvolvemento, o que agravou o seu problema de liquidez internacional. "Os préstamos contraéronse e permitíronse contraer malia saber que lle causarían serios problemas á economía e ao desenvolvemento do país que os solicitaba. Os países empobrecidos, en moitas casos, non sabían os efectos que o crédito lles ía ocasionar", explican desde 'Quen debe a quen?'.

En que medida é clave a condonación da Débeda Externa para que os países empobrecidos deixen de selo?
Por unha banda a Débeda Externa supón unha extracción de recursos de países do Sur moi superior á axuda oficial ao desenvolvemento que reciben. Nunha proporción de case cinco veces máis gasto, que podería dedicarse a cubrir necesidades básicas en lugar da pagar as débedas.

O ODG tamén critica que a Débeda Externa se conevrtese nun "mecanismo de control". "Os programas de alivio da Débeda e os préstamos dos países do Norte traen consigo liñas de comercio e medidas económicas e políticas neoliberais nos países do Sur que afondan no seu endebedamento", explican os responsábeis da campaña Quen debe a quen?.

Unha vez condonada a Débeda, volvería comezar o proceso de endebedamento dos países do Sur de novo?
Plataformas como Quen debe a quen? non só defenden a simple condonación da débeda, senón que esixen iniciativas para que non se volvan dar estas situacións, como a realización de auditorías integrais da Débeda, o recoñecemento e a anulación de todas as débedas ilexítimas e o recoñecemento e restitución das débedas históricas, sociais e ecolóxicas das cales son debedores os países do Norte. "Non é unha cuestión de solidariedade ou de caridade, senón de xustiza", remarca Fresnillo. "Os países ricos deben cumprir as condenas que se fixeron e retornar o diñeiro que lle foi roubado ao Sur. Á condonación da Débeda debe acompañarlle un precedente que impida que se volvan a dar os mecanismos de endebedamento. Debe darse unha reforma dos procesos de financiamento internacional e unha reformulación dos organismos multilaterais. Ao Estado español, por exemplo, esixímoslle que acabe cos créditos de Fondo de Axuda ao Desenvolvemento (FAD)", explican desde o ODG.

Cal é a opinión dos gobernos dos países enriquecidos? E a das entidades financeiras?
Desde o ODG denuncian a actitude de gobernos coma o do Estado español "que se poñen a careta de solidarios e anuncian aos catro ventos calquera pequeno troco ou pequena acción", pero que non van máis aló e non se atreven a dar pasos "realmente transformadores". "Non se atreven a dar un paso adiante e comezar coas auditorías, non se atreven a recoñecer que existen débedas lexítimas", engade Fresnillo. En canto ás entidades financeiras, os movementos e plataformas explican que a súa actitude é aínda máis "daniña". "Institucións coma o Banco Mundial e o FMI sentan cátedra neste tema. As condicións que eles impoñen acaban sendo copiadas polos gobernos dos estados", comentan desde o ODG.

Cal é o posicionamento de ONG e movementos sociais?
As ONG e asociacións que traballan pola derrogación da Débeda Externa aseguran que existe un gran consenso entre elas. "Traballamos conxuntamente en campañas internacionais de recoñecemento da débeda ilexítima e o centro das nosas accións ten un eixo común", explican desde o ODG. Aínda que cada un co seu estilo, as bases das que parten os movementos sociais son similares e aséntanse na cancelación da débeda por unha razón de xustiza e na esixencia da realización de auditorías.

Actualmente está en activo a campaña Quen debe a quen? que é a que pon en marcha as iniciativas que enchen un bo número de cidades de todo o mundo a semana do 14 ao 21 de outubro. Outras entidades como Intermón Oxfam, Cáritas e moitas outras puxeron tamén en marcha varias iniciativas a favor da abolición desta débeda, como "Sen dúbida sen débeda" ou "Corta coa débeda".

Canal Solidario


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: