Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Pilar Hidalgo, triatleta galega

"Teño ganas de dalo todo e penso que podo estar nos Xogos Olímpicos de 2008"

Volveu con forza, tras unha doenza que a afastou da competición en 2004, a pasada semana en Grecia e aspira a estar en Beixín o ano que vén, competindo por unha medalla nas Olimpiadas.

Redacción - 18:55 15/10/2007
Hidalgo sobre a bici

Hidalgo sobre a bici

Leva competindo dende o ano 2000. Foi campioa do Mundo Sub-23 en 2002 e nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 quedou de 13ª. Tamén en 2004 gañou o Campionato de España -ao tempo que Raña gañaba en homes- e o bronce nos europeos. Mais foi tamén naquel ano cando unha doenza cardíaca lle fixo deixar o triatlón.

En marzo deste ano volveu á competición, tivo un bo posto na proba de Beixín, -o pasado 15 de setembro- e volveu ás altas cotas do triatlón mundial en Rodas (Grecia) a pasada semana, ficando entre as 10 primeiras atletas, cousa que non lle acontecía dende 2004. Agora só ten que loitar por se clasificar para os Xogos Olímpicos de 2008.

Di que non cre moito nas casualidades cando se lle pregunta que pode ter Galiza para que saian do país grandes campións do triatlón mundial como Iván Raña, Gómez Noya ou ela mesma, mais pensa que pode ser cousa do aire que se respira.

Agora corre para o Cidade de Lugo Club Fluvial. Está de 58 no ránking mundial e só ten outra deportista estatal por diante, Ana Burgos. Con ela competirá nas dúas probas que fican da Copa de Mundo de Triatlón, -en Cancún o vindeiro 4 de novembro e en Israel o 1 de decembro-, pola praza do equipo olímpico español en Beixín.

Pilar Hidalgo (A Coruña, 1979), falou con Vieiros a semana despois de conseguir ese 10º posto en Grecia e contounos por que o triatlón o é todo para ela.

Vieiros: Como se atopa actualmente? Está totalmente recuperada dos problemas que lle fixeron deixar por un tempo a competición?
Pilar Hidalgo: Atópome moi ben física e mentalmente, quizás con máis ganas que antes... teño ganas de dalo todo. Sei que hai pouco tempo para as vindeiras olimpiadas, mais aprendín moito neste tempo, e sobre todo a saber que non hai case nada imposíbel na vida, que se un loita por algo, pódeo conseguir, e isto é o que vou facer nestes 10 meses que quedan: dedicarme única e exclusivamente a adestrar tranquilamente, pero sen pausa, seguindo milimetricamente o que o meu adestrador Andreu me mande.

Volveu con forza á competición en Atenas, cales foron as túas sensacións na carreira? Como se ía atopando?
A verdade é que fun con moito respecto, máis que con medo, porque as anteriores copas do mundo en Australia, antes da operación, foron malísimas. Mais puiden sufrir sen taquicardias, coma antes. E non tiña nin pensado conseguir os resultados que obtiven ao final en Beixín e en Grecia, nada diso. Que só hai 13 semanas que comecei a adestrar.

Como se sentiu cando se viu tan ben situada, entre as dez primeiras por primeira vez, dende 2004?

Sobre todo gocei moito, moito. Era todo alegría durante toda a carreira!

Só quedan dúas carreiras para decidir as prazas de Beixín. Vai ir a por todas?
Por suposto. Penso que podo estar, aínda que sei que xogo con certa desvantaxe. Mais teño moitísima confianza e sei que vou estar...

Quen pode ser a súa maior rival nas dúas próximas competicións?
A verdade é que non vin a listaxe de saída en Grecia e non adoito mirala case nunca. Cando chegue a Cancún xa verei ás miñas rivais, pero non me preocupa iso, só como me atope eu.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pilar Hidalgo nunha carreira anterior, coa bandeira galega / Foto: ForoMTB.com
Pilar Hidalgo nunha carreira anterior, coa bandeira galega / Foto: ForoMTB.com
Cando comezaba, na Federación Catalana de Triatló
Cando comezaba, na Federación Catalana de Triatló
Nunha competición da Copa BG, como profesional
Nunha competición da Copa BG, como profesional
Este ano, co traxe do Club Fluvial, no Campionato de España  en Úbeda, empregando un sensor de potencia / Flickr: triluarca
Este ano, co traxe do Club Fluvial, no Campionato de España en Úbeda, empregando un sensor de potencia / Flickr: triluarca