Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comparecencia na Comisión da Cidade da Cultura

Díaz Grande non lembra canto cobrou por "coordinar" ideas para o Gaiás

"Non teño máis memoria", dixo o arquitecto, marido da ex conselleira Pilar Rojo, amigo de Mariano Rajoy, e considerado un dos "autores intelectuais" do proxecto de Fraga.

Redacción - 15:00 18/10/2007

A queixa polo despregue dun investimento millonario para un conxunto arquitectónico do que no comezo apenas había ideas concretas é unha das evidencias que se extraen da análise que o Consello de Contas realizou do esquema da Cidade da Cultura promovido polo goberno de Manuel Fraga. Do mesmo xeito, a recente comparecencia do propio conselleiro maior do Consello de Contas, Antonio López, deixou claro ademais que a escolla e posterior impulso do proxecto presentado por Peter Einsemann realizouse sen avaliación real dos elevados custos que implicaría a construción.

Paradoxalmente, e con esas certezas de actualidade, o arquitecto Alfredo Díaz Grande presentouse esta quinta feira diante da Comisión sobre a Cidade da Cultura como presunto "coordinador" do concurso de ideas celebrado na altura de 1999. Díaz Grande limitouse a loar o "prestixio e solvencia" dos integrantes do xurado e dos arquitectos convidados a participar e insistiu en que o concurso foi na súa opinión "absolutamente impecábel".

Diaz Grande protagonizou ademais un momento singular ao argüír unha presunta falta de memoria sobre os seus beneficios persoais nese proceso. Así, o arquitecto evitou pronunciarse sobre o seu salario ou sobre as súas relacións persoais co contorno do Partido Popular. "Non teño máis memoria para lembrar noutros debates que nos papeis estarán", afirmou diante dos deputados, comentando que hai "oito anos diso".

Ao respecto ironizou o nacionalista Carlos Aymerich, que na súa quenda lle preguntou a Díaz Grande se a memoria lle impedía recordar que era "marido de Pilar Rojo", delegada da consellaría de Cultura en Pontevedra naquel tempo e posteriormente conselleira de Familia, ou a súa amizade con Mariano Rajoy. Por outra parte, Aymerich tamén se referiu en concreto á "liberdade absoluta" outorgada aos arquitectos para o deseño, laiándose de que non se tivese fixado ningún condicionante económico. Na opinión do voceiro do BNG "aí pode estar unha das sementes da deriva orzamentaria". No mesmo sentido falou o voceiro socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, quen criticou que a "memoria fráxil" do comparecente impedise saber que aconteceu "para que o orzamento se multiplicase".


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: