Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRUCE DE INSULTOS NO PARLAMENTO

En Galiza, se das a luz, perdes o voto como parlamentaria

En Cataluña votan por internet e en Andalucía delegan o voto, pero no Hórreo non son quen de pactar unha solución á baixa por maternidade dunha deputada

M.V. - 17:45 18/10/2007
Amparo González está de baixa por maternidade

Amparo González está de baixa por maternidade

As parlamentarias galegas que queden embarazadas seguirán sen poder votar durante a súa baixa por maternidade. Esta é a conclusión do ácido debate do mércores no Pazo de Hórreo sobre Amparo González, deputada popular que deu a luz hai dúas semanas.

O PPdG pedira que González puidese delegar o voto en Alberto Nuñez Feijoo, líder do seu grupo no Parlamento de Galicia. Tamén lanzara a opción de que votase por internet, como se fai na cámara catalana. A cuestión chegou onte ao Pleno e provocou un duro cruce de insultos.

É imposíbel a cesión?
A presidenta da Cámara, a socialista Dolores Vilariño, recordou aos populares que o Regulamento impide calquera cesión do voto. Os conservadores responderon acusando a Vilariño de actuar por intereses partidarios. “¿Que sucedería se algunha deputada dos dous grupos que apoian ao Goberno bipartito quedara embarazada na actual lexislatura?” , atacou a popular Susana López Abella.

O PPdG argumenta que o Regulamento non impide a delegación do voto pois “na práctica, nas diferentes comisións parlamentarias estanse a efectuar delegacións de voto, na medida en que uns deputados poden substituír a outros do seu mesmo grupo e emiten votos válidos de pleno dereito”.

O BNG pide a reforma
Polo BNG, Bieito Lobeira recordou que o seu grupo leva un ano pedindo a reforma do Regulamento, que podería fixar unha solución para as deputadas embarazadas, como xa sucede en Cataluña -que permite o voto telemático- e Andalucía -que permite a delegación.

Por parte do PSdG, Ismael Rego recordou que foi o PP quen aprobou o actual Regulamento na era Fraga. O certo é que o debate subiu de ton -gritos de “nazis!” incluídos- ao acusar os populares ao bipartito de limitar os dereitos das embarazadas.

Un voto é clave no Hórreo
Sexa como for, o certo é que os deputados non se lograron poñerse de acordo e a Cámara Galega seguirá atrasada respecto á andaluza e a catalá. Cómpre lembrar que a maioría do bipartito é dun só deputado, polo que calquera baixa ou ausencia no hemiciclo é vital nas votacións.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: