Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Celebración en Portela do Home

Dez anos de parque transfronteirizo

Hai unha década asinouse o acordo entre Galiza e o Norte de Portugal para a posta en valor do parque transfronteirizo Peneda Gerês - Baixa Limia, Serra do Xurés.

Lara Rozados - 14:00 19/10/2007

No sueste da provincia de Ourense, lindando con Portugal, o Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés abrangue nas súas case 21.000 hectáreas os concellos de Entrimo, Lobios e Muíños.

Por alí pasaron as expedicións romanas á conquista dos callaici, ou galaicos, como testemuñan aínda os miliarios que atopamos na subida a Portela do Home, a nove quilómetros de Lobios, e as lendas que relacionan o Limia co río do esquecemento, e contan como Décimo Xuño Bruto tivo o valor de atravesalo e chamar despois, un por un, aos seus soldados.

Outro río de importancia é o Caldo, no camiño á fronteira e ao Parque Peneda-Gêres. O carácter termal que o propio nome do río indica aínda hoxe se mantén. Conflúe co regato da Fecha, dando lugar a unha das fervenza máis grandes de Galiza, xunto coa do Toxa, no Deza, de 50 metros de caída.

A diversidade paisaxística

Hai unha fronteira "húmida" e outra seca: o Limia que nós vemos nacer nas fontes de Antela, en Sarreaus é o Lima que vai morrer a Viana para os portugueses. A potente cal dos ríos deu lugar aos encoros das Conchas e do Lindoso. A Raia seca intégrana a serra do Laboreiro e a de Queguas, e, xa tirando para o oeste, a Serra do Pisco e a da Pena, ademais das terras do Couto Mixto, república independente hai tempo.

En canto á natureza, o espazo recolle os climas da rexión eurosiberiana (sector galego - portugués), pero tamén da mediterránea (sector lusitano - duriense), o que deu lugar a un vizosa diversidade paisaxística, florística e faunística: árbores caducas (carballos, sobreiras, castiñeiros, érbedo) e de folla perenne, como os piñeiros, teixos, acivro...ademais do peculiar "lirio do Xurés" (iris boissieri) ou o loureiro. Hai tamén lobos, corzos, xabaríns, mesmo cabra montesa, en perigo de extinción, que volve verse en liberdade por estes penedos grazas a un programa de reintrodución, garranos, unha raza de cabalo propia do Norte de Portugal, vacas cachenas, sobre todo no Entrimo, e tamén aguias reais.

A historia de case 100.000 hectáreas de Parque Natural

O espazo Baixa Limia - Serra Xurés foi declarado Parque Natural por un Decreto da Xunta en 1993. O de Peneda - Gêres levaba xa con esa consideración dende 1971: no nordeste portugués, as súas case 70.000 hectáreas recollen os concellos de Melgaço, Arcos de Valdevez e Ponte da Barca (distrito de Viana), as Terras de Bouro (distrito de Braga) e de Vila Real (Montalegre), ao longo de 100 quilómetros de fronteira, dende Castro Laboreiro até Mourela, abranguendo as serras da Peneda, do Soajo, da Amarela e do Gerês.

O 31 de xullo do 1997 foron unificados os dous parques no Parque Transfronteirizo de 100.000 hectáreas que é hoxe. Foi precisamente o 19 de outubro dese ano cando Galiza e Portugal asinaron un convenio para a súa posta en valor. Actualmente, prepárase unha candidatura á UNESCO para que esta área sexa considerada Reserva da Biosfera. Con todo, as diferentes políticas ambientais dos dous países e os vinte anos que separan a declaración de parque natural entrambos espazos son evidentes nada máis atravesar Portela do Home.

Máis ca unha designación ou un estatuto formal, o Parque Transfronteirizo Gerês-Xurés quere ser o recoñecemento da necesidade dun esforzo común e articulado de salvagarda dos valores florísticos, faunísticos e paisaxísticos que as dúas areas comparten. Logo destes dez anos de xestión, durante os que se lle deu prioridade aos planos sectoriais de desenvolvemento de infraestruturas, para mellorar a calidade de vida da poboación local, agora afróntase o restabelecemento dos hábitats naturais, a mantenza nun estado favorábel da flora e a fauna.

Os instrumentos técnicos que rexen a xestión do parque recóllense no Plan Reitor de Uso e Xestión aprobado por Decreto de 1998. Desenvolve as directrices recollidas no Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais, (Decreto de 1993), polas cales a paisaxe, os ecosistemas, as particularidades da flora, fauna e formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos cuxa conservación merece unha atención preferente. O aproveitamento turístico-recreativo é unha das actividades ás que máis se ten recorrido para dinamizar cultural e economicamente a zona, mais cómpre regulamentalo axeitadamente.

Polo de agora, o parque conta cun centro de interpretación, no edificio Sede do Parque, en Lobios, que se encarga de emitir as autorizacións para o uso do refuxio de montaña, a realización de actividades de educación ambiental, etc.; catro puntos de información, na Portela do Home, Sede do Parque, a Terrachá, cabeza do concello do Entrimo e o Complexo Turístico do Corgo (Muíños); un refuxio de montaña na Serra do Pisco; 14 áreas recreativas; diversos campamentos e albergues (no Corgo, en Lantemil (Lobios) e Bouzadrago (Entrimo); hai tamén zonas de baño habilitadas no Río Caldo, e nas praias fluviais das Perdices (Entrimo) e O Corgo (Muíños).


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cabras montesas en Pitões. Flickr: quevo11
Cabras montesas en Pitões. Flickr: quevo11
Campamento romano Aquis Querquenis. Flickr: quevo11
Campamento romano Aquis Querquenis. Flickr: quevo11
Fervenza no Gêres. Flickr: Mr Conguito
Fervenza no Gêres. Flickr: Mr Conguito
Río Caldo e Portela do Home. Flickr: Calidonia
Río Caldo e Portela do Home. Flickr: Calidonia
Un muíño no Xurés. Flickr: Free Cat
Un muíño no Xurés. Flickr: Free Cat
Unha vaca e unha puchiña da raza cachena, propia do Xurés. Flickr: fontearcada
Unha vaca e unha puchiña da raza cachena, propia do Xurés. Flickr: fontearcada