Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Canto tempo hei vivir?

As aseguradoras inclúen na súa web un programa que calcula a esperanza de vida

Podiámoslle preguntar a unha xoaniña os anos que iamos botar casados ("Rei, rei, casarei... cantos anos durarei?). Agora, na páxina da patronal das aseguradoras podemos mirar os anos que imos vivir.

Redacción - 12:15 22/10/2007

As aseguradoras procuran, antes de asinar un contrato con alguén, calcularlle os anos que vai botar vivo, non vaia ser un mal negocio. Igual que nos seguros de automóbiles analizan os factores de risco e a sinistralidade potencial do contrato, nos seguros de vida calculan o tempo que lle pode quedar ao cliente neste mundo.

A patronal das aseguradoras, Unespa, renovou hai nada a súa páxina na rede e incluíu nela un simulador, baseado nas táboas que o sector emprega para medir a esperanza de vida dos seus clientes virtuais, antes de lles facer un contrato.

Aínda que un chisco criticado, polo persoais que chegan a ser as preguntas, -cal é o teu peso, ou a túa data de nacemento, os teus hábitos de conduta, alimentación ou a túa vida sexual-, moitos dos datos pódense empregar para, entre outras cousas, poder planificar os propios investimentos e ter unha xubilación tranquila.

Consellos para vivir máis
Ademais de calcularche os anos que vas vivir, o simulador permítese tirarlle de enriba ao test un certo aire macabro e inclúe algunhas "bromas" entre aseguradores e asegurados, ademais de dar uns cantos consellos para vivir máis, que case todo o mundo coñece, como deixar de fumar ou facer máis deporte.

Cando se saben xa os anos que o enquisado vai vivir, o simulador indícalle tamén, por exemplo, o número de veces que pode ir ao cinema dende agora até que os seus familiares cobren o seguro polo seu falecemento; ou as finais da Champions League ou dos Xogos Olímpicos que pode ver; ou os bicos que vai dar, ou que lle van dar, até que fine.


2,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: