Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Limpeza de Sangue

Rubén Ruibal faise co Premio Nacional de Literatura Dramática

O escritor de Ribadeo Rubén Ruibal foi galardoado hoxe pola súa obra Limpeza de Sangue, que xa recibira o Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais.

Redacción - 17:53 23/10/2007

Suma e segue. O dramaturgo galego Rubén Ruibal continúa colleitando éxitos, neste caso, a nivel estatal. Editado por Xerais e en colaboración co Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Limpeza de sangue introduce ao espectador no paradoxo da igualdade que produce a morte ou a enfermidade e repara nas pequenas cousas que a rutina diaria fai pasar por alto.

O argumento conta a historia de Fernando e Pantaleón, dous homes procedentes de mundos aparentemente opostos, que coinciden, á espera do seu transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Xuntos coñecen outros aspectos da vida e ven nacer unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor continúa o seu obsesivo, prexuízoso e sistemático funcionamento.

A obra, que aínda non saíu a escena, foi galardoada con 15.000 euros, procedentes do Ministerio de Cultura, e distigue o mellor texto escrito en calquera das linguas oficiais do Estado.

O protagonista
Rubén Rubial, naceu en Ribadeo en 1970, e moi novo integrouse na compañía Teatro de Aquí, onde permaneceu durante dez anos e onde colaborou con Roberto Vidal Bolaño. As súas arelas foron máis alá, e en 2000 constituíu, xunto con Carlos Losada, a compañía Teatro Cachuzo, espazo perfecto para levar a escena os seus textos teatrais. A partir de aí, a súa traxectoria como dramaturgo complementouse con traballos como actor e escenógrafo en diferentes institucións como Aula de teatro da Universidade de Santiago, Teatro Universitario dá Coruña, Escola de Teatro Danthea ou O Facho.

Ruibal foi empregado de biblioteca, entrevistador do INE, vendedor en grandes almacéns, comercial, tradutor... para actualmente dedicarse a ser amo de casa, agricultor, e o máis importante: escritor e amante do teatro.


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: