Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os "pequenos Prestige" do cotiá

Moreas de lixo que "non se ve" emporcallan os fondos litorais

O contorno das Cíes tivo o privilexio dunha sesión de limpeza de fondos. Neumáticos, trapos, somieres, latas... Até sete toneladas de porcallada foron retiradas. Na maioría de zonas costeiras permanece sen limpar.

Redacción - 09:50 24/10/2007

Unha lata de aluminio queda até 200 anos contaminando o medio, unha simple tapiña de botella metálica "tarda até 30 anos en desintegrarse", diferentes materiais tinguidos de pinturas sintéticas quedan décadas xerando residuos tóxicos moi perigosos durante o seu proceso de degradación no medio. Trapos impregnados por aceites e líquidos corrosivos abrollan a pé de portos e praias. Neumáticos liberan xofre e ducias de substancias contaminantes durante a súa degradación. O coñecido e aparentemente inofensivo "corcho branco" que ás veces aboia fronte aos areais, é en realidade un composto fabricado con benceno, "recoñecido carcinoxénico" e outros compostos canceríxenos. Un vaso de plástico permanece no medio 50 anos, unha botella pode durar máis de 450 anos sen degradarse, unha bolsa de plástico perdura ata 150 anos,... Son exemplos mencionados no estudo O lixo no mar: Un problema global, un problema local, financiado promovido polo Observatorio do Mar.

O exemplo das Cíes: sete toneladas en cinco días O Canal Verde achegábanos esta semana un exemplo significativo do estado dos fondos mariños a pé das nosas costas. Nun contorno relativamente máis afastado das áreas industriais, como é o caso das Illas Cíes, un grupo de mergulladores traballaron en días pasados nun proxecto de limpeza despregado polo Parque das Illas Atlánticas.

"Estamos atopando máis do que pensabamos", recoñecía Luís Estévez, responsábel da compañía Servisub, diante da elevada cantidade de desperdicios retirada por un equipo de catro mergulladores que en pouco tempo encheran xa os dez sacos dun metro cúbico de capacidade que levaran para a operación subacuática. Fronte á situación, o Parque estendeu os traballos durante uns días máis. O grupo ten previsto desprazarse nos próximos días até o contorno de Ons para realizar tarefas similares.

Un mar que non pode con "todo o que lle boten"

O mesmo estudo antes referido sinala que apenas un 15% do lixo que vai parar ao océano se mantén aboiando e que só unha pequena parte acaba nas praias. Xa que logo, a maioría da porcallada vai parar aos fondos. O Programa de Medio Ambiente das Nacións Unidas considera que en cada hora arredor de 675 mil quilos de lixo pasan a enmerdar os mares, a metade residuos plásticos. Atopouse por exemplo que un cruceiro turístico pode chegar a xerar 4.400 quilos diarios de residuos.

Manuel Soto, enxeñeiro químico e ex presidente de Adega, lembraba nun artigo outra publicación anterior deste colectivo, onde os ecoloxistas se laian do "arraigada" que estaría entre os propios mariñeiros a idea de que "o mar é tan grande que soporta todo o que lle boten". Desde as embarcacións ou desde as bateas, durante os labores mariñeiros, guíndanse ao mar todo tipo de residuos xerados a bordo, habería máis exemplos dos recomendábeis deste tipo de práctica, segundo critican.


4.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O lixo emporcalla o mar malia non vérmolo
O lixo emporcalla o mar malia non vérmolo