Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XESTiÓN DO GAIÁS

O cuñado de Rajoy pasou en ano e medio de bolseiro a executivo da Cidade da Cultura

Manuel Fernández e Ángel Currás, irmán do ex conselleiro de Educación, comparecen este mércores no Parlamento.

Redacción - 21:40 23/10/2007

O que fora director xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ángel Currás Fernández, e o anterior director económico financeiro, Manuel Fernández Balboa, comparecen este mércores na comisión parlamentaria que investiga a xestión das obras do Gaiás. Ambos os dous teñen en común algo que de seguro vai centrar boa parte das intervencións parlamentarias. Mentres o primeiro é irmán do ex conselleiro de Educación, Celso Currás, o segundo é cuñado de Mariano Rajoy. Socialistas e nacionalistas veñen denunciando que estes casos son un exemplo do “nepotismo” que practicou o anterior goberno.

Segundo puido comprobar Vieiros, Manuel Fernández Balboa presentou o seu currículo para director económico da Cidade da Cultura en xaneiro de 2001. Daquela o seu cuñado era vicepresidente do goberno español. Fernández Balboa, que naquel momento tiña 30 anos, licenciárase en Empresariais pola Universidade de Santiago en 1997. Até que ocupou o alto cargo na Fundación Cidade da Cultura, toda a súa experiencia reducíase a unha bolsa Feuga en “Caixa Pontevedra” (entre xullo de 1998 e setembro de 1999) e, posteriormente, a un cargo na rama de servizos do Grupo Dragados en Pontevedra.

O 1 de marzo de 2001 o ex conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, asina a contratación do cuñado de Mariano Rajoy. Na cláusula segunda do contrato sinálase que “o traballador percibirá unha retribución anual bruta de sete millóns de pesetas”. Na terceira estipúlase que o contrato “páctase cunha duración indefinida”. Na quinta sublíñase que “dadas as características especiais do posto de traballo e do seu carácter de confianza, non se somete a período de proba nin a horario específico”.

Liquidación
Fernández Balboa mantívose no cargo até a chegada do bipartito. O 21 de setembro de 2005 remítelle un preaviso de abandono ao novo presidente do patronato da Fundación Cidade da Cultura. Logo de recoñecerlle os dereitos a ser indemnizado (sete días por ano traballado) a Xunta abonoulle 4.206 euros canda a preceptiva liquidación.

Pola súa parte, Ángel Currás Fernández licenciouse en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago e posteriormente, en 1978, comezou a súa vida laboral como profesor agregado de bacharelato até converterse en catedrático de ensino secundario. Logo dunha estadía como profesor asociado na Universidade de Santiago entre 1991 e 1996, deu un xiro radical ao converterse en director económico-administrativo do proxecto cultural “Santiago de Compostela, Cidade Europea da Cultura do ano 2000”. Precisamente nese ano noméano director xerente da Fundación Cidade da Cultura. No currículo que presentou para o cargo poden verse como únicos méritos, á marxe dos relacionados coa bioloxía, uns cursos de inglés, outro de iniciación e perfeccionamento en lingua galega e un seminario de “xestión de organizacións” de 120 horas.


4.85/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: