Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Internacional

Birmania: as ansias de cambio lideradas polos monxes budistas

Birmania, oficialmente Unión de Myanmar, é un país do sueste asiático. Limita con países como China, Laos, Tailandia, India e Bangladesh. O Imperio Británico, tras ocupar diversas provincias cara a 1862, dominou todo o territorio e, en 1886, estableceu un protectorado colonial. Durante a II Guerra Mundial foi ocupada polos xaponeses, pero foi retomada por Gran Bretaña en 1945. En 1948, o Reino Unido viuse obrigado a concederlle a independencia.

Moisés Lozano Paz - 16:30 24/10/2007


De colonia inglesa aos réximes militares

En 1949 produciuse unha sublevación comunista dominada polo Goberno de U Nu. Desde 1962 impúxose un réxime militar encabezado polo xeneral Ne Win que derrocou a Ou Nu, que durará ata o ano 1981. En 1988 hai unha revolución popular que pedía a democracia. Morren máis de 10.000 persoas e fórmase un novo goberno militar presidido polo xeneral Saw Maung.


En 1990 levaron a cabo eleccións libres por primeira vez en case 30 anos, pero a ampla vitoria do NLD, o partido de Aung San Suu Kyi foi anulada polos militares, que non quixeron renunciar ao poder. Unha das figuras principais da historia birmana do século XX foi o xeneral Aung San, fundador do exército e figura da liberdade. San pasou de estudante a activista. A súa filla Aung San Suu Kyi foi premio Nobel da Paz de 1991 converténdose en icona da democracia, a paz mundial e a liberdade. Esta permanece detida con arresto domiciliario e baixo unha estrita custodia, desde 1996.


A situación económica de Birmania é delicada. Predomina a agricultura que ocupa a case os dous terzos da poboación activa. O cultivo predominante é o arroz, que ocupa preto da metade das terras cultivables. Os demais cultivos (algodón, cacahuete, hevea, té) son secundarios. É de destacar igualmente o cultivo da droga durmideira. Ten unha explotación forestal intensa, sendo o primeiro produtor mundial de teca. A produción petrolífera está estancada. Na industria faltan investimentos a penas se desenvolve. A súa poboación, ao redor de 60 millóns de habitantes, é eminentemente rural e ten a esperanza de vida máis baixa da rexión. É un país de cultura e relixión budista.

Os últimos acontecementos e as esperanzas de cambio

Na actualidade, ocorreron numerosos enfrontamentos entre as minorías étnicas dentro do propio país e os habitantes aínda viven na pobreza e ditadura. Os militares violan, escravizan, torturan e matan impunemente a moitas persoas.

Varios miles de monxes budistas acompañados por cidadáns civís, manifestáronse neste mes de setembro de 2007 en Rangún, cidade máis poboada, e tamén noutras, contra a Xunta Militar. Esta marcha pacífica, tras oito días consecutivos de protestas, aglutinaron a máis de 100.000 persoas.


A Unión Europea tamén pediu á xunta militar que mostre "o maior control posible" ante as protestas, e que aproveite a oportunidade para "lanzar un proceso de reforma política real". O exiliado guía espiritual de Tíbet, o Dalai Lama, tamén apoia a chamada dos monxes á liberdade e á democracia.


O actual movemento de protesta contra a xunta militar en Birmania podería acabar, segundo os analistas, de dúas formas: cun inicio de diálogo ou unha violenta represión, como xa ocorreu en 1988. Esperemos que triunfe o respecto aos dereitos humanos e os valores relacionados coa xustiza e a liberdade, polo ben de tantos millóns de persoas, alleas aos intereses económicos da xunta militar e das grandes potencias do mundo.


0/5 (0 votos)