Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Homenaxe aos mortos do Acebo

A Fonsagrada non esquece

A Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica organiza, xunto ás veciñanza da vila, un evento en que participarán familiares de sete dos milicianos asasinados.

Redacción - 17:45 26/10/2007
José Moreno Torres

José Moreno Torres

Setenta anos despois de que un grupo de dezaseis anarquistas do Batallón Galicia, comandados por José Moreno Torres, caesen a mans dos falanxistas e fosen soterrados, esta fin de semana do 27 e o domingo 28 de outubro, o lugar do Acebo, onde se atopa a foxa en que apareceron os corpos, acolle unha serie de actos para que a súa memoria non se perda no esquezo.

Os familiares, fillos e netos, de Manuel Bugallo Lois, Luís Rafael Villar Sánchez, Maximino Martínez Fernández, Odilo Masid Masid, Manuel Ramos, Jaime Machicado Llorente e do propio José Moreno Torres, achegaranse á Fonsagrada para participaren na homenaxe que lles rende o pobo que sempre os levou na memoria, dende México, Asturias, Cataluña e diversos puntos da xeografía galega.

O programa das xornadas

O sábado día 27 pola mañá os familiares e veciños trasladaranse ao Acebo para realizaren unha ofrenda floral ao pé das foxas onde a ARMH recuperou once cadáveres. Posteriormente farán o propio no cemiterio da vila onde, segundo sinalan as investigacións da asociación, se atopan soterrados dous máis dos combatentes.

A partir das seis da tarde, o Salón de Actos acollerá unha homenaxe en que participarán os familiares de sete dos milicianos do batallón. No acto recolleranse os testemuños dos veciños e veciñas da comarca, e os investigadores e documentalistas da foxa, Luis Miguel Cuervo, Eliseo Fernández, Santiago Macías e Óscar López, compartirán impresións nunha mesa redonda.

O domingo a actividade trasladarase ao Museo Comarcal da vila, onde se inaugurará a exposición "Acebo 1937 -Acebo 2007".

Setenta anos despois do asasinato

As investigacións realizadas pola ARMH apuntan á madrugada do 29 ao 30 de outubro de 1937 como a noite en que o comandante coruñés José Moreno Torres e os seus compañeiros do Batallón Galicia caeron a mans dos falanxistas, no seu regreso da fronte de Asturias. O grupo faría noite no porto do Acebo, límite entre A Fonsagrada e Grandas de Salime (Galiza e Asturias), cando, logo de seren delatados, un grupo de falanxistas da zona rematou coa vida dos dezaseis milicianos anarquistas.

En agosto de 2007, logo de anos de investigacións, un grupo de arqueólogos dirixido por Javier Ortiíz deu conta de dúas das foxas onde ficaron soterrados. A exhumación da ARMH rescatou once cadáveres, oito dunha foxa e tres doutra, e comprobou tamén, mediante documentos e testemuños, que dous máis dos milicianos se atopan sepultados no cemiterio da Fonsagrada.

Non se sabe con certeza se algún dos corpos é o do Comandante José Moreno Torres. Porén, sospéitase de que este podería estar xunto con outro dos compañeiros nunha terceira foxa que a ARMH segue a procurar. Mais a veciñanza da Fonsagrada levárono sempre na memoria: as súas lembranzas, gardadas en gran parte nun romance que se canta dende aquela, e a súa voluntaria colaboración, resultaron imprescindíbeis tanto no proceso de investigación coma nas exhumacións realizadas pola asociación.


4.67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: