Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Banca para ricos, banca para pobres

O cambio na sociedade e a obra social como bases para evitar a desigualdade económica

Representantes de iniciativas de economía alternativa, déronse cita en Compostela para tratar o tema das diferenzas entre os países do Primeiro e do Terceiro mundo.

Redacción - 19:10 26/10/2007

Durante a xornada destacouse a importancia de temas como a creación de microcréditos, e a súa idoneidade como instrumento financeiro, a necesidade de cambiar os hábitos do mundo desenvolvido para erradicar a pobreza, ou a función das caixas de aforro como axentes sociais. Debateuse tamén sobre a idea de crear unha banca ética, sostíbel e alternativa e fomentar redes de solidariedade e colaboración.

O acto contou coa presenza do director de Desenvolvemento de Negocios de Tríodos Bank, Carlos Bendito, o voceiro da Asociación polo Interese Solidario "O Peto", Raúl Asegurado, e o director da Obra Social Caixanova, Guillermo Brea. Pola súa banda, Carlos Bendito explicou o método de funcionamento do banco que representa, e que pretende lograr o cambio sostíbel da sociedade mediante o financiamento de microcréditos e comercio xusto. Os créditos que concede obteñen beneficios que se orientan cara o investimento social.

Carlos Bendito alertou de que "chegará un momento no que non haberá recursos" e sinalou que cos microcréditos se impulsa o crecemento, tendo sempre en conta os valores humanos na toma de decisións. Con esta medida, contribuiríase a saír da pobreza, e ao tempo xerar unha plusvalía que se podería investir en novos proxectos.

Cambiemos os hábitos
Para conseguir algún cambio, é necesario que os países desenvolvidos analicen e transformen os seus hábitos de consumo, así o afirma o representante da Asociación "O Peto", Raúl Asegurado, quen destaca tamén o protagonismo do ser humano como chave para superar a desigualdade. "O Peto" é unha asociación sen ánimo de lucro que propón unha economía alternativa e solidaria, onde a persoa está por enriba do capital. Esta iniciativa pretende financiar ás persoas que teñen propostas viábeis de autoemprego e non teñen acceso a un aval.

O director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, explicou que as Caixas de Aforros tamén están a loitar contra as desigualdades, xa que naceron para "evitar a exclusión financeira das clases desfavorecidas e impulsar o desenvolvemento económico e para realizar actividades de carácter social". Dende 2001, estas entidades destinan máis de 1.000 millóns de euros a actividades sociais.

Solidariedade e banca alternativa
As redes de solidariedade e colaboración fanse necesarias nun mundo que cada vez ten un maior grao de globalización. É imprescindíbel ter unha cidadanía activa que colabore no combate contra a pobreza.

A banca ética, alterativa e sostíbel sería outra das posíbeis solucións para tratar de resolver o problema das desigualdades entre os dous mundos. Dende os anos 70, estas bancas ofrecen servizos financeiros destinados a actividades con criterios e valores éticos sen que inflúa a obtención de beneficios.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: