Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PSdeG aponlles "falta de lexitimidade"

O PPdeG fala de "anarquía" na ordenación do territorio

Tardaron os populares dous anos na oposición até ver "caos" no urbanismo do país. Iso si, despois de varios lustros no goberno non recoñecen responsabilidade ningunha no escenario actual.

Redacción - 09:00 07/11/2007

"Os rexedores nin teñen clara a lexislación, nin teñen claro o modelo que busca Política Territorial, nin coñecen cara a onde quere avanzar o devandito departamento", explicou este martes o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, para quen "a conclusión é caos no urbanismo e xestión anárquica do territorio". En opinión de Rueda a actual conselleira "é das que prohíbe primeiro e pensa despois". "O resultado é unha Galiza paralizada e ao borde do colapso, na que os empresarios van deixar de investir porque o Goberno non lles xera confianza", afirmou.

Os populares din que hai boicot contra os concellos que gobernan
"É un claro intento de facer oposición aos rexedores desde a Xunta de Galicia", asegurou o secretario xeral do PPdeG, indicando que o Goberno estaría incumprindo compromisos asumidos co Pacto Local e subliñando que a Consellaría de Política Territorial "boicotea" a aprobación dos Plans Xerais de Ordenación Municipal de numerosos concellos gobernados polo PPdeG.
"Os informes das consellerías non chegan ou o fan tarde e concertar unha cita cun subdirector xeral custa meses e meses", indicou Rueda. Sobre o mesmo asunto, a voceira en materia urnabística do PPdeG, Pilar Rojo, relatou que até trinta alcaldes do PPdeG "están esperando ser recibidos por responsables da Consellaría desde hai máis de seis meses, mentres outros 34 teñen paralizados os seus PXOM á espera de que cheguen informes de Cultura, Medio Ambiente ou de Política Territorial".

Abel Losada di que "o PP non está lexitimado para falar de ordenación do territorio"
"Se tivéramos que cualificar os anos de goberno do PP en materia de urbanismo, falariamos de agresións urbanísticas e de negocios", considerou o voceiro en materia de urbanismo do PSdeG. O deputado vigués Abel Losada explicou así diante das críticas dos populares que na súa opinión a Xunta desenvolve unha política de "cooperación" cos municipios, na procura "dun desenvolvemento urbanístico en beneficio da colectividade que poña freo a especulación”.

Insistiu Losada en que o actual Goberno paralizou a política do "todo é urbanizábel" despregada polo executivo anterior, ao que lle reprochou que "só serviu para incrementar os volumes de negocio e os beneficios das empresas e tamén trouxo consigo a maior alza de prezos da vivenda da historia deste país". O representante socialista censurou que os populares se caracterizasen neste ámbito por "mesturar intereses empresariais privados coa actividade política".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: