Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manuel Fraga, na comisión do Gaiás

"Creo na Cidade da Cultura, aínda que non intervín especialmente nela"

Sorprendeu o ex presidente descargando culpa sobre os daquela conselleiros. Con todo, afirmou que "cando se ten un soño hai que ser decidido e tirar cara a adiante".

R.N. - 14:05 07/11/2007

"A Cidade da Cultura é un soño", afirmou Manuel Fraga na súa comparecencia deste mércores no Parlamento. Fráxil de voz e nunha desordenada intervención, o ex presidente da Xunta destacou que "obras moi criticadas foron finalmente admiradas en todo o mundo, e así pasará coa Cidade da Cultura". "O que está feito está ben feito e o que queda pódese rematar ben", asegurou.

A maior sorpresa da súa comparecencia veu cara ao final da súa primeira intervención, momento no que afirmou que non intervira especialmente na súa xestión: "deixei que os conselleiros tomasen as decisións correspondentes", comentou citando aos daquela responsábeis de Facenda e Cultura e subliñando o protagonismo "especial" deste último, "o señor Pérez Varela".

A "grande demostración"
Relatou o ex presidente que a súa vontade no impulso deste proxecto foi facer "unha grande demostración da cultura galega a todos os niveis" e asegurou, ao xeito en que o fixera o actual presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que "estará entre as dez primeiras infraestruturas culturais do mundo".

Fraga xustificou a desviación orzamentaria asegurando que "era difícil prever desde o primeiro momento" e interpretou, ao igual que o fixera antes Alberto Núñez Feijoo, que no informe do Consello de Contas "non se desprenden responsabilidades nin contábeis nin penais".

Ironizou tamén sobre o cualificativo de "mausoleo" adicado ao proxecto por PSdeG e BNG, mencionando que "o meu mausoleo, sen ornamento especial ningún, é o nicho que xa teño mercado en Vilalba".

Recoñece que o goberno Aznar non se comprometeu co proxecto
Foi apenas o único asomo de resposta de Manuel Fraga ás moitas preguntas que lle fixeron os voceiros socialista e nacionalista, a conto da falta de compromiso desde o goberno español coa iniciativa do Gaiás. Así, recordou o ex presidente que no seu momento falara do proxecto "con José María Aznar e con Mariano Rajoy", no momento en que o PP estaba no poder en Madrid, "pero naquel momento había temas máis importantes, coma o asunto do Prestige".

"Eu asumo as responsabilidades nos fallos de coordinación", dixo na súa terceira e última intervención e despois de que Carlos Aymerich, polo BNG, e Ismael Rego, polo PSdeG, lle reprochasen que descargase culpa sobre os ex conselleiros e evitase responder ás cuestións presentadas polos respectivos voceiros parlamentarios.

Así e todo, concluíu asegurando que "o día que estea rematado Galiza terá outro referente, ademais do Pórtico da Gloria, no mundo". "Espero vela rematada se Deus me dá vida, e que sexa o orgullo de Santiago e Galiza", dixo Fraga.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: