Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SOTELO BLANCO PRESENTOU OS 6 PRIMEIROS POEMARIOS DE 'EDOY LELIADOURA'

Nova colección, nova xeración

Sotelo Blanco presentou onte na Galería Sargadelos de Compostela os primeiros seis títulos da colección "Edoy Leliadoura", nun acto no que os autores leron algún dos seus textos.

Redacción - 10:52 16/11/2007
Presentación dos seis primeiros títulos, onte en Compostela

Presentación dos seis primeiros títulos, onte en Compostela

Non é habitual que unha editorial publique dun golpe seis libros de poesía. Cos seis títulos presentados onte Sotelo Blanco recupera a histórica colección "Leliadoura", que entre 1985 e 1997 publicou 35 obras dos máis destacados poetas da "xeración dos 80". A nova colección inclúe polo momento seis libros: "Sextinario, trinta e seis+tres", de Marica Campo, "Os poemas de como se rompe todo", de Daniel Salgado, "Memoria de Ahab", de Rafa Villar, "Derrotas con raíces", de Modesto Fraga, "Onde o ollar comeza a doer", de X. Antón L. Dobao, e "Bingo", de Pilar Beiro. Os seis estiveron presentes onte pola tarde nunha ateigada presentación (ateigada de poetas e de público), na que leron algúns dos textos publicados.

Xesús González Gómez dirixe a colección e asume como obxectivo publicar de seis a oito títulos por ano, dando entrada no mercado editorial galego a novas voces. A primeira fornada caracterízase pola xuventude da meirande parte dos poetas escollidos, e pola variedade temática e estilística, dende os textos máis políticos de Rafa Villar ou Daniel Salgado, até as reflexións existenciais ou intimistas de Pilar Beiro, Modesto Fraga ou mesmo de Antón Dobao, pasando pola experimentación formal das sextinas de Marica Campo.

Edición coidada, con tapa dura e deseño de Andrés Meixide, para unha colección que quere recuperar o vieiro aberto pola "Leliadoura" que dirixía Basilio Losada e na que publicaron as súas obras Cesáreo Sánchez, Pilar Pallarés, Rodríguez Fer, Lino Braxe, Ramiro Fonte ou Manuel Rivas.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: