Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Anxo Quintana, na Comisión sobre a Cidade da Cultura

É hora do "consenso" nun proxecto clave para a "cultura nacional"

Cambiouse un "capricho" pola "responsabilidade", deseñando un proxecto cultural "real" que enche de contido o que era un  "problema herdado" do anterior goberno. Así o defendeu este luns o vicepresidente da Xunta.

Redacción - 12:25 19/11/2007

"Teño comprensión e respecto polos que cando pasan á beira do Gaiás desexarían que iso non existise, porque eu mesmo formo parte deles", expuxo o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, na súa comparecencia deste luns na Comisión de Investigación sobre a Cidade da Cultura. "O BNG non investiría 475 millóns de euros en facer a Cidade da Cultura", asegurou Anxo Quintana, quen engadiu que o Bloque si investiría "iso e máis" en dotar a Galiza de instrumentos clave para a "vertebración da cultura nacional galega" como na súa opinión son a Biblioteca e Arquivo Nacional ou o Museo da Historia.

Quintana indicou que o PP "equivócase" coa súa estratexia de "espallar dúbidas" sobre a definición de contidos e usos estabelecida polo novo goberno e opinou que os populares terían unha "oportunidade inmellorábel" para facer "borrón e conta nova". Foi así que chamou aos grupos parlamentarios a conseguiren "consenso" sobre a importancia estratéxica que implica a nova proposta para o Gaiás.

"Nós herdamos un problema e queremos construír unha oportunidade", defendeu o vicepresidente, criticando que se estea tratando de difundir a idea de que o actual Goberno non elaborou aínda o proxecto para o Gaiás. "O proxecto está perfectamente definido e rematado, e en fase de execución", salientou, enmarcando a súa comparecencia na necesidade de transmitir "tranquilidade" sobre a existencia "dun proxecto real que enche de contido a Cidade da Cultura". Indicou que nese contexto serán escoitadas todas as propostas adicionais pero só integradas na medida en que poidan "enriquecer" o conxunto e facelo a través dunha integración "eficaz e realista".

Un proxecto "transparente" e baixo control
"Valoramos todas as posibilidades", recoñeceu Anxo Quintana, insinuando que o destino cara a outros usos das obras xa comprometidas foi analizado, do mesmo xeito que o posíbel peche, pero advertindo que "ninguén", nin "os votantes do PP", admitirían o desbalde das elevadas cantidades xa investidas. Foi así que criticou que o PPdeG pareza ser "o primeiro abandeirado da dinamita", apoñéndolles aos populares a presunta interese en que "no Gaiás non houbese nada". Na opinión de Quintana, os populares actúan baixo o criterio de "ou nós ou o caos" e "preocúpalles que o Goberno converta en oportunidade o que era un problema herdado".

Quintana considera que partindo do "inevitábel" de que "eses edificios se rematen" o executivo conseguiu estabelecer un "cambio radical" de estratexia no Gaiás. Insistiu Quintana en que o esquema debullado pola propia conselleira de Cultura no Parlamento corrixe a ausencia de usos e contidos deixada polo goberno Fraga e pon a Cidade da Cultura "ao servizo de Galiza como nación cultural". Nesa liña, destacou o proceso aberto á participación de todos os sectores sociais, e a corrección do escurantismo imposto pola administración do PPdeG, estabelecendo agora criterios de "transparencia, sensatez, equidade e control".

Nese escenario, o vicepresidente da Xunta teimou na defensa do Gaiás como "contedor de institucións claves" que á vez servirá como axente innovador e espazo para a "proxección exterior" de Galiza e a súa cultura. Con eses obxectivos, dixo estar seguro de que a estratexia deseñada polo Goberno garantirá que o Gaiás sexa un espazo "xerador de riqueza" para o país.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: