Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
20-N: 32 anos da morte do 'caudillo'

Ofensiva cidadá contra Franco

Na Coruña, a Comisión pola Memoria Histórica mobilízase para que deixe de ser 'fillo adoptivo' da cidade. En Lugo, o BNG pide que se cumpra unha resolución de 2006 e se lle retire o título de 'alcalde honorario'.

Redacción - 19:15 19/11/2007

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña iniciou unha campaña, coincidindo co aniversario da morte de Francisco Franco, para reivindicar que "a cidade non quere ao ditador como fillo adoptivo". Este martes, 20 de novembro, instalarán unha mesa informativa na zona do Obelisco, a partir das 17.00 horas.

Adoptar unha persoa é unha medida que está precedida, segundo a CRMH, dunha iniciativa voluntaria, e a persoa adoptada é recibida con amor, mais "neste caso foi imposta polas autoridades franquistas en 1936 e a cidade non quere a un ditador como fillo adoptivo".

Por isto, agardan que o novo goberno local "devolva a dignidade á cidade e termine con esta vergonza antes de que remate o ano".

'Alcalde honorario', en Lugo
Noutra das cidades do país, en Lugo, o BNG esixiulle ao concello que materialice unha resolución aprobada en abril de 2006, no pleno municipal, para retirarlle a Fraco o título de 'alcalde honorario'.

Manter esta distinción, concedida en 1942, "é anacrónico e inaceptable en democracia", segundo considera a formación nacionalista, e "vai en contra do espírito da Lei de Memoria Histórica".

"Esta actitude do alcalde -o socialista Xosé Clemente López Orozco- proba o seu nulo interese pola recuperación da memoria histórica", reprobaron dende o BNG.

Nesta liña, consideran que o recoñecemento "é un acontecemento doutro tempo, que debe estar nos arquivos, nos libros de historia ou nos museos, mais non presidindo unha corporación democrática".


4.82/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: