Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polo control do comercio de armamento

O congreso aproba unha nova Lei de Comercio de Armas que non despexa as dúbidas sobre o seu control

Na semana na que se soubo que o Estado Español exportou o maior número de armas dende o ano 2000, a nova Lei sobre o Control do Comercio Exterior de Material de Defensa e Duplo Uso chega ao Congreso.

Redacción - 18:55 22/11/2007
A nova lei é criticada pola súa falta de transparencia

A nova lei é criticada pola súa falta de transparencia

En teoría esta nova lei había de mellorar o control da exportación de material de defensa e de duplo uso (tamén para ataque), para evitar o desvío a países onde non se respectan os dereitos humanos. Mais para as organizacións Amnistía Internacional, Greenpeace e Intermón Oxfam (xuntas na campaña Armas baixo control), esta nova lei non vai ser máis do que un coador que vai permitir seguir vendendo armas, sen control, a calquera país.

Críticas pola súa falta de transparencia

A nova lei, criticada, sobre todo, pola súa falta de transparencia, ten varios baleiros, xa que non esixe aos exportadores detallar o material vendido, que se clasifica dun xeito moi amplo (por exemplo, na categoría catro entran tanto bombas, torpedos e misís, coma detectores de minas). Outro dos puntos criticados é que o goberno español vai informar ao Congreso do destino das armas, mais despois de telas xa vendido e exportado, de xeito que os deputados non poderán desautorizar as exportacións.

Unha Comisión de Defensa pactou hai uns días o texto da nova lei, coa única abstención de ERC, que pola contra, vai botar a favor esta quinta feira no congreso xa que, segundo o voceiro do partido catalán na Comisión Joan Puig, "é mellor ter esta lei que non ter ningunha".

Entre os 15 maiores exportadores do mundo

"Cada minuto morre unha persoa vítima do comercio de armas", velaquí unha das frases máis empregadas na campaña Armas baixo control. As tres ONG's que participan no seu desenvolvemento xa se manifestaron no Congreso para pedir unha mellora nesta nova lei, que para eles está "chea de furados".

Na última década o estado español aumentou a venda de armas considerabelmente, até situarse entre os 15 principais exportadores do mundo. Algúns dos seus clientes son, paradoxalmente, países considerados "preocupantes" polos maiores exportadores: Colombia, Israel, Marrocos, China, Arabia Saudita, Irán, India, Sri Lanka, Indonesia, Filipinas, Zimbabwe, Sudán ou Venezuela.

As organizacións redactaron varias recomendacións para mudar a lei, que no seu día presentaron ante o Congreso. Entre elas figuran a necesidade de regular coa máxima claridade os casos nos que non se poderán vender armas, prohibindo expresamente facelo a países en conflito armado ou que violen os Dereitos Humanos; estabelecer máis controis, tendo en conta as normas doutros estados; aumentar a transparencia na información oficial; crear no Parlamento un comité permanente de seguimento deste comercio, e limitar a discrecionalidade (darlle máis transparencia) que ten a Xunta Interministerial, encargada destas exportacións, dando publicidade ás súas actas.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A exportación non controlada de armas fai que cheguen mesmo ás mans dos chamados nenos soldado
A exportación non controlada de armas fai que cheguen mesmo ás mans dos chamados nenos soldado
Imaxa da campaña 'Armas baixo control', cuns nenos a xogar contra un muro furado polas balas
Imaxa da campaña 'Armas baixo control', cuns nenos a xogar contra un muro furado polas balas
Actos da campaña 'Armas baixo control'. Imaxe tirada do Flickr de Radio Cápsula
Actos da campaña 'Armas baixo control'. Imaxe tirada do Flickr de Radio Cápsula