Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRO PORTAL DE CONTIDOS WAP

O catalán normalízase nos móbiles

Orange vén de presentar o portal de internet móbil Orange Cat, converténdose na primeira operadora de telefonía con contidos exclusivamente en catalán

Redacción - 13:20 23/11/2007

Normalizar unha lingua significa funcionar de xeito normal, en todos os ámbitos. O catalán avanza na súa normalización nos móbiles, tamén na descarga de contidos e na oferta de servizos wap. No portal (wap.orange.es/orangecat) Orange distribuirá xogos, servizos de noticias de varios medios de comunicación en catalán e mesmo e emisión en directo da TV3. No portal tamén se poderá descargar música de autores cataláns. Noutra das seccións, os usuarios poderán subir os seus propios vídeos.

Ignacio de Orúe, director de Comunicación Externa e Marca de Orange, salientou que o portal non é a simple tradución ao catalán de determinados contidos, senón que se trata dunha oferta de servizos específica para Cataluña, equiparable á que a compañía propiedade de France Telecom conformou noutros países.

Para Orúe o mercado catalán é clave porque "os usuarios catalans son innovadores e non só usan o móbil para facer chamadas, senón tamén para outros servizos como a navegación por internet". Orange ten dous millóns de clientes en Cataluña e considera que o idioma pode axudalo a crecer máis.

Apoio da Generalitat

Na presentación do portal, realizado na Conselleria de Gobernació, Joan Puigcercós salientou o "paso decisivo" que constitúe esta iniciativa para a normalización da lingua na telefonía móbil, pois aínda que o catalán está xa presente en moitos dos novos modelos de teléfonos, ningunha compañía apostara até agora por ofrecer contidos específicos para portais móbiles. Puigcercós espera que a iniciativa de Orange sirva de exemplo para outras compañías.

En outubro a Generalitat a presentou a páxina El Teu Mòbil, na que se ofrece información sobre as marcas con opción de programarse en catalán. Na páxina tamén se poden baixar tons, fondos de pantalla, logos e xogos.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: