Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Irma Guadalupe Casas, coordinadora da Casa Amiga de Ciudad Juárez

"O feminicidio non é exclusivo de Ciudad Juárez, dáse en moitos países baixo un sistema patriarcal"

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista, Irma Guadalupe visitou Galiza da man da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e falou con Vieiros do que está a pasar en Ciudad Juárez.

A. Rodríguez - 10:45 25/11/2007
Localización exacta no mapa de México de Ciudad Juárez, cidade fronteiriza

Localización exacta no mapa de México de Ciudad Juárez, cidade fronteiriza

A líder da Asociación Casa Amiga Centro de Crisis en Ciudad Juárez, México, veu a Galiza convidada pola Xunta para participar nos actos de conmemoración do Día Contra a Violencia de Xénero, que se van desenvolver este domingo por todo o país. Durante toda esta semana Irma Guadalupe Casas percorreu Galiza para intercambiar impresións e experiencias coas organizacións, que como a súa, loitan contra a violencia machista.

A quinta feira visitou o centro Alecrín de Vigo: "foi unha experiencia moi rica e alentadora e puiden comprobar como os nosos xeitos de traballar se parecen bastante, xa que ámbalas dúas organizacións desconfiamos dos corpos de seguridade", díxolle a Vieiros. A sexta feira estivo na Casa da Xuventude en Ourense e o sábado estivo no Centro Cívico dos Mallos, na Coruña.

Irma Guadalupe Casas coñece de preto o que se deu en chamar feminicidio e que transcendeu ao resto do mundo como os crimes de Ciudad Juárez ou "as mortas de Juárez". Mais, como nos contou, non é un feito exclusivo nin da súa cidade nin do seu país. As mulleres que foron asasinadas ou que están desaparecidas en Ciudad Juárez xa sobrepasan as estatísticas. Case non están contabilizadas polo goberno, e son, sobre todo, de clases sociais baixas e moi novas (entre os 10 e os 35 anos). O primeiro dos crimes data de 1993, e xa vai aló máis dunha década de total impunidade para os asasinos.

Vieiros: Que actividades desenvolve o Asociación Casa Amiga Centro de Crisis en Ciudad Juárez?

Irma Guadalupe Casas: O centro, que comezou o seu traballo hai uns nove anos, nace para denunciar a situación que se vive en Ciudad Juárez en relación aos centos de mulleres mortas e desaparecidas. Nós dámoslle apoio psicolóxico, médico e asistencia legal ás mulleres, ás nenas e aos nenos de Ciudad Juárez, así como ás familias das asasinadas ou desaparecidas.

Confía na internacionalización do seu traballo como un apoio á súa loita fóra de México?
Confío. Principalmente porque o feito de que se coñeza noutros lugares o que está acontecendo en Ciudad Juárez pode exercer presión sobre o goberno mexicano, facendo que actúe contra a violencia.

Bótalle daquela un pouco a culpa do que está a acontecer ao goberno mexicano?
Penso que entraron tarde. Non existe vontade política de actuar para parar estes feitos e a responsabilidade é do goberno, que, como persoas e como gobernantes, deberan garantir a vida e a seguridade do seu pobo.

Xa se cumpriu máis dunha década dos asasinatos e desaparición de mulleres en Ciudad Juárez e parece que todo o mundo sabe o que acontece e amósase concienciado... se é así, que cre que é o que está a fallar para que se cometan estes crimes con total impunidade? Para que non se atopen os culpábeis?

Principalmente porque parece que non é importante a violencia contra as mulleres. No sistema, as mulleres parecen pezas moi fáciles de reemprazar. Tampouco se permitiu en ningún momento que se entrase a fondo nos temas, que se afondase no que está a acontecer; que se fose por certos vieiros... Hai ferramentas para solucionar o problema, pero ninguén fai nada... algo está fallando.

Por que está a acontecer isto concretamente en Ciudad Juárez?

O feminicidio é un feito común noutras moitas partes da Républica Mexicana e tamén noutros moitos países do mundo, estruturados, coma o noso, sobre un sistema patriarcal, onde as mulleres non teñen o menor valor e son consideradas facilmente substituíbeis; de haber unha escala de valor, as mulleres ocuparían o chanzo máis baixo.

Agora mesmo os ollos están postos en Ciudad Juárez, porque ten unha sociedade civil moi forte que fixo as súas reclamacións durante anos; que puxo en evidencia o que está a acontecer. Temos grandes grupos fortemente estruturados (maioritariamente formados por mulleres) que denuncian o que pasa. Sábese o que pasa en Ciudad Juárez, fundamentalmente porque o berramos nós. Noutros lugares onde acontece o mesmo, se cadra aínda non transcendeu.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Colocando as cruces rosas das "mortas de Juárez". Flickr. [:)]Fernando[:)]
Colocando as cruces rosas das "mortas de Juárez". Flickr. [:)]Fernando[:)]
Marisela Ortiz é a nai de Lilia Alejandra García Andrade, asasinada. Tamén é a creadora da asociación Nuestras Hijas de Regreso a Casa
Marisela Ortiz é a nai de Lilia Alejandra García Andrade, asasinada. Tamén é a creadora da asociación Nuestras Hijas de Regreso a Casa
As nenas de clase máis baixa son as principais vítimas dos feminicidios en México. Na imaxe, Estrellita / Flickr: pmoroni
As nenas de clase máis baixa son as principais vítimas dos feminicidios en México. Na imaxe, Estrellita / Flickr: pmoroni
Unha manifestación contra os asasinatos e desaparacións en Ciudad Juárez / Flickr: natarén
Unha manifestación contra os asasinatos e desaparacións en Ciudad Juárez / Flickr: natarén