Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XESÚS RÁBADE PAREDES, PREMIO 'BLANCO AMOR' 2006

"A novela está empobrecida polo descoñecemento do idioma que teñen os novos escritores"

Xesús Rábade Paredes presenta 'Mentres a herba medra', que en abril recibiu en Cedeira o Premio Blanco Amor de Novela

Marcos S. Pérez - 12:00 29/11/2007

Mentres a herba medra é un vello proxecto de Xesús Rábade Paredes, un intento de analizar e presentar a sociedade galega actual a través de tres xeracións dunha mesma familia. Na obra enfróntanse as visións do mundo de avós e netos, da cidade e da Galiza rural, nunha obra moi coidada estilisticamente, como destacou o xurado. Rábade Paredes, catedrático de Literatura Galega no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, fala tamén das novas xeracións de escritores, entre os que bota en falta un mellor uso do idioma.

¿Pódese dicir que a novela é ante todo un diálogo xeracional?

É un diálogo entre tres xeracións, memorialista podería dicirse, na que estas tres xeracións: avós, pais e fillos adolescentes discuten a súa visión do mundo. Ademais, dende a actualidade, e dende un espazo urbano, fai unha evocación do espazo rural, un espazo do que eu tamén proveño.

Diálogos xeracionais e diálogos entre a Galiza urbana e a rural, polo tanto...

Bótase de menos narrar a transformación do rural que se produciu nos últimos trinta anos en Galiza. É algo do que non se ocupou a novela galega até agora. Unha transformación que foi importantísima e moi positiva en moitos aspectos, pois a xente vive mellor, Pero neste proceso houbo tamén unha perda de raíces e de referentes que ademais non foron substituídos por outros novos.

O Blanco Amor, que vén de cumprir 25 anos, naceu para dar pulo á narrativa en galego. Como ve a saúde da novela en Galiza?

Nese sentido somos un país homologábel a calquera outro, a literatura galega está normalizada. Nun país non normal, coma o noso, non normalizado no ámbito político, cultural ou lingüístico, a literatura é a parcela máis normalizada.

Darío Villanueva, presidente do xurado, destacou o coidado estilístico e lingüístico presente na novela. Está de acordo?
É que a lingua é fundamental. A novela galega actual está empobrecida pola falta de coñecemento do idioma que teñen as novas xeracións de escritores. Pode que a propia lingua estea empobrecida, pero o escritor ten a obriga de coñecer a lingua, é o seu instrumento de traballo.

A novela fala moito da mocidade. Inflúe a súa experiencia como mestre de secundaria?
Si, falo moito dos problemas e as cousas que preocupan á xente nova, mesmo do 'botellón' ou dos móbiles. E claro, a miña experiencia como mestre nos últmos trita anos é fundamental, sobre todo porque ves pasar a moitas xeracións, ves a súa evolución, e ademais realiméntante continuamente.

E que visión ten da mocidade actual dende esa experiencia?
Na novela a visión que se dá da xuventude é positiva, esperanzada. Son xeracións moi capaces, como o demostran periodicamente nas mobilizacións que realizan. Mesmo nalgunha das manifestacións máis negativas da xuventude como o consumismo, hai unha parte positividade. A clave é armalos de pensamento crítico.


4,75/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rábade Paredes presentou a súa novela na libraría Couceiro de Compostela
Rábade Paredes presentou a súa novela na libraría Couceiro de Compostela